Publicador de contidos
Publicador de contidos

Reunión de Filipe VI e Zelenski tras o anuncio de nova axuda militar de España

Reunión de Filipe VI e Zelenski tras o anuncio de nova axuda militar de España

Antes do encontro co rei, Pedro Sánchez ofrecéralle ao presidente de Ucraína "novos sistemas antiaéreos e antidrón"

Foto/ Casa do Rei
G24.gal 05/10/2023 20:56

Filipe VI mantivo un encontro co presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski, aproveitando a asistencia ao cumio da Comunidade Política Europea que se celebrou este xoves en Granada.

O encontro tivo lugar nas dependencias da Alhambra e nel estivo presente, por parte española,  o ministro de Asuntos Exteriores en funcións José Manuel Albares e o xefe da Casa do Rei Jaime Alfonsín. Por parte ucraína, Zelenski estivo acompañado polo seu ministro de Exteriores Dimitro Kuleba, segundo se aprecia nas fotos da cita difundidas por Zarzuela.

Por razóns de seguridade, ata o último momento non se confirmou a presenza en España de Volodimir Zelenski. Tras 19 meses de guerra, o líder ucraíno ve perigar o apoio militar estadounidense polas liortas entre demócratas e republicanos. De aí que Zelenski centrase as súas peticións en evitar fisuras neste lado do Atlántico.

"O noso principal reto é salvagardar a unidade en Europa, e non falo só da UE, senón de toda Europa, porque Rusia vai atacar con desinformación, novas falsas...",  dixo Volodimir Zelenski, presidente de Ucraína.
 

Zelenski reuniuse durante media hora con Pedro Sánchez. O presidente en funcións ofreceulle máis sistemas antiaéreos e antidróns e máis equipos de desminado. A ampliación da Unión Europea é o outro grande asunto en Granada. Alí estiveron os 8 membros que aspiran ao ingreso. Non se espera que da cita saian prazos, pero si avances sobre as reformas internas que terá que facer a Unión antes de acollelos. 

"E iso vai esixir moitos desafíos. Desde o punto de vista interno para ser eficaces e para albergar eses paises que están chamando á porta desde hai moito tempo"., afirmou  Pedro Sánchez, presidente do Goberno en funcións.

Foi a terceira xuntanza da Comunidade Política Europea, unha coalición forxada arredor da invasión rusa a Ucraína, pero non exenta de rivalidades propias. Unha delas, a do conflito de Nagorno Karabakh, levou ao boicot dos presidentes turco e azerbaixano para evitaren compartir mesa co líder armenio.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade