Rexurdir Podemos non ve posible unha candidatura de consenso con Gómez-Reino
Rexurdir Podemos non ve posible unha candidatura de consenso con Gómez-Reino
Gonzalo Busqué pide responsabilidades políticas ao secretario xeral pola "desfeita" dos últimos catro anos
Cando faltan vinte e catro horas de que se peche o prazo para presentar candidaturas ás primarias de Podemos en Galicia, son tres as listas que concorren ao proceso. A que encabeza o actual secretario xeral, Antón Gómez-Reino, e as plataformas Rexurdir Podemos e Renova Podemos.
No Galicia por diante, da Radio Galega, Gonzalo Busqué, portavoz de Rexurdir Podemos, unha plataforma promovida por setenta militantes, con presenza en Lugo, Ferrol, Vigo e Ourense, asegurou que "pensamos que somos unha esperanza e saímos coa vontade de gañar".
Rexurdir Podemos aspira a facerse co control da formación en Galicia. Asegura que "Renova Podemos" é unha "candidatura pantasma" e non ve marxe de acordo co proxecto de Gómez Reino.
"Levamos aquí dous anos e a hoxe aínda non se dirixiu a nós. O que el di é un pouco de "postureo", non ten boa vontade, son palabras para quedar ben", asegura.
Gonzalo Busqué é moi crítico coa xestión realizada polo actual secretario xeral de Podemos Galicia e pídelle que asuma responsabilidades políticas ante a perda continuada de capital humano na formación morada. Rexeita os dous argumentos dados por Gómez-Reino: a existencia de disputas internas ou que a xente "vote mal".
"O que houbo foi unha marxinación da militancia ata facer que desaparecera o capital humano de Podemos", asegura Busqué.
Rexurdir Podemos e Sumar
O portavoz de Rexurdir Podemos referiuse ao proceso promovido por Yolanda Díaz a nivel estatal á marxe de Unidas Podemos. Gonzalo Busqué afirma que lles gustaría formar parte dese espazo "se no proceso nos sentimos reflectidos e respectados". Só pon unha condición para a posible integración: que Podemos siga mantendo a súa identidade.
"Non daremos un cheque en branco e non ligaremos o noso futuro a un compromiso que teña que ver coa súa desaparición. A nosa vontade é que Podemos en Galicia siga mantendo o seu nome, a súa identidade e os principios que deron lugar ó seu nacemento".
O proceso para rexistrar candidaturas ás primarias de Podemos en Galicia remata mañá. A militancia poderá votar entre o 8 e o 14 de decembro. Os resultados coñeceranse o día 15 de decembro.