Rifan un carro de produtos de Entroido valorado en máis de dous mil euros
Rifan un carro de produtos de Entroido valorado en máis de dous mil euros
Co recadado van organizar o primeiro aniversario do Renacemento do Chorón
Os veciños do barrio da Milagrosa celebran a festa e 'procesión' de disfraces o sábado
Queren conveter a árbore que se talou no adro da igrexa no símbolo do seu Entroido
No adro da igrexa da Milagrosa de Carballo había un gran salgueiro chorón. Cando o quitaron para poñer a fonte que hai agora, os veciños lamentaron a perda da súa sombra e da súa estampa, que xa tiñan por un emblema do barrio. Por iso no entroido do 2023 decidiron replantar un novo chorón no parque do Forum e darlle tamén vida como símbolo do seu Entroido. A proposta callou e este ano vanlle celebrar o aniversario.
"Como o cura cortou o chorón xurdiu a idea e dixemos imos facer o Renacemento do Chorón; mercamos un pequeno, plantámolo e así empezou a festa".
Para financiar a Festa do Chorón, a comisión organizou a rifa dun lote de produtos de Entroido cedidos polos comercios do barrio. Pero a colaboración está superando con moito as súas expectativas, ata o punto de que decidiron facer un carro para meter todo. E aínda así xa se lles queda pequeno porque recalca Jesús Puente, o presidente da Asociación Cultural e Deportiva A Milagrosa, que hai que contar cos produtos frescos que engadirán a última hora, como a verdura, o pan ou os doces.
"O ano pasado collemos unha carretilla, pero quedounos curta e fixemos o carro".
Este é un dos reclamos cos que na Milagrosa queren potenciar o seu peculiar Entroido de inspiración vexetal a que cada vez se suman máis veciños facendo disfraces con follas, di Patricia Liñares, unha das organizadoras da festa.
Cada quen pode ir como queira. O importante, din, é participar na festa que durará todo o día, pero que ten dous momentos relevantes: a procesión do chorón ás seis da tarde e o sorteo do carro de produtos, xa pola noite, entre todos os presentes que mercaran unha rifa.