Publicador de contidos
Publicador de contidos

Risco alto por inundación no río Miño ao seu paso pola Peroxa en Ourense

Risco alto por inundación no río Miño ao seu paso pola Peroxa en Ourense

E moi pendentes do efecto de desaugar as presas no curso do Miño

Vixíanse unha decena de ríos nas provincias de Lugo e Ourense con risco de rebordar

G24.gal 20/01/2023 19:12 Última actualización 21/01/2023 09:31

A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil considera que, ao deixar de chover, a situación normalizarase durante a fin de semana. Pero de momento segue activo o Plan de inundacións no Támega, no Arnoia e no Miño, tanto na capital ourensá coma na Peroxa. 

O río Miño ao seu paso pola cidade de Ourense vai con moito caudal e o encoro de Velle desauga máis de 2.000 metros cúbicos de auga por segundo. Circula por fóra do seu leito a unha altura de sete metros anegando todo o que está nas beiras. Non se ve nin a zona termal, nin as piscinas nin o paseo. Está en alerta pero ao remitir a chuvia non se prevé que vaia a máis.

Con todo, a situación "non é preocupante" porque na zona as casas están en puntos elevados e existe "moito espazo" ata o curso do Miño, segundo o alcalde da Peroxa, Manuel Seoane.

Outros ríos da provincia de Ourense circulan fóra do seu leito

É o caso do Arnoia na localidade homónima en Baños de Molgas, onde segue entrando a auga na parte baixa do balneario e no aparcadoiro do hotel. Hai cortadas varias estradas secundarias que dan acceso a algunhas aldeas e coa prohibición vixente de achegarse ao río por precaución. 

Aínda así a tendencia é a que recuperen a normalidade coma no Támega na comarca de Monterrei. Alí tamén foi preciso cortar algunha estrada secundaria que discorre a carón do río e que tamén deixou incomunicadas algunhas aldeas.

O río Sil ao seu paso polo Barco de Valdeorras tamén vai con moita forza e desbordado nalgúns puntos, igual que o Avia en Ribadavia. A situación está mellorando pouco a pouco porque nas últimas horas remitiron as chuvias.

Situación dos ríos na Coruña e Lugo 

O río Mandeo ao seu paso por Coirós tamén baixa cheo e con moita forza. Onte á noite rebordou e anegou a área recreativa de Chelo. Agora, ao parar de chover o caudal tende a baixar, pero aínda vai ao límite do leito.

Tamén se vixía cerca de aquí, en Betanzos, onde preocupa ademais o río Mendo, e nas Pontes o río Eume ao seu paso pola vila. A auga entrou nas vivendas e por momentos temeuse que pasara por enriba da ponte.

Na Mariña de Lugo están en alerta varios ríos. O Landro segue moi cheo aínda que xa lle baixou o caudal. Os veciños de Landrove empezan a respirar tranquilos, despois de que a auga lles entrara nas casas.

Na cidade de Lugo baixou algo o caudal do Miño, pero aínda tardará en volver ao seu leito. O colexio da Ponte, que se anegara hai dous días, puido abrir, pero a auga causou estragos nas caldeiras e na instalación eléctrica e non se puido dar clase.

Tamén intentan recuperar a normalidade na Terra Chá, onde segue habendo moita auga encorada. Mentres en Cospeito, a lagoa rebordou pola cantidade de chuvia que caeu nos últimos días, e hai aldeas ás que aínda agora é difícil acceder. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade