Roberto Verino ingresa na Real Academia Galega de Belas Artes
Roberto Verino ingresa na Real Academia Galega de Belas Artes
O deseñador de Verín ingresou na sección de Artes da Imaxe
Os académicos defenden a "contribución da moda galega ao orgullo de país"
Foi este sábado, no Auditorio de Verín, cando se celebrou o acto co que Roberto Verino ingresa oficialmente na Real Academia Galega de Belas Artes, na sección de Artes da Imaxe. A proposta da candidatura foi de Xurxo Lobato e outros académicos, que destacan a súa achega da moda galega ao orgullo de país.
Verino comezou a súa carreira en Francia, pero pronto regresou a Verín para facer moda desde aquí, desde a súa vila, desde onde lle deu unha proxección internacional.
"Verín é como ese compañeiro fiel que me acompaña, para que nos momentos máis difíciles da miña vida sinta que aquí teño o que quero ter, a xente coa que quero estar e o lugar onde me gustaría vivir ata a fin dos meus días", asegura o deseñador.
O ingreso na Real Academia Galega de Belas Artes coincide co 40 aniversario da primeira colección coa marca Roberto Verino, coa que honra a súa localidade natal e que colocou Verín na elite da moda. Verino foi, tras Balenciaga, o primeiro español en abrir unha tenda en París.
"É unha proba da nosa capacidade, unha forma de facer entender que, se somos capaces de respectar a nosa natureza, de respectarnos a nós, de respectar o ben xeral, temos moitas posibilidades de mellorar", considera.
Agulla de ouro no 92, Medalla Castelao no 96 e Medalla de Ouro de Belas Artes en 2008, o verinés máis internacional segue sumando recoñecementos na súa dilatada traxectoria.