Publicador de contidos
Publicador de contidos

Galicia contará este curso con 31.603 profesores, "a cifra máis alta da historia"

Galicia contará este curso con 31.603 profesores, "a cifra máis alta da historia"

Este mércores regresan ás aulas 307.854 alumnos e alumnas de infantil, primaria, secundaria e FP, 3.289 menos que o curso pasado

O conselleiro de Educación di que a redución da ratio en cuarto de infantil evitará o peche de 204 aulas e apunta: "É complicado falar de recortes cando temos menos alumnos, máis aulas e máis profesorado" 

O conselleiro de Educación Román Rodríguez, durante a súa comparecencia a petición propia esta mañá no Parlamento galego (EFE/Xoán Rey) O conselleiro de Educación Román Rodríguez, durante a súa comparecencia a petición propia esta mañá no Parlamento galego (EFE/Xoán Rey)
G24.gal 10/09/2024 08:57 Última actualización 10/09/2024 20:09

"Arrincamos un novo curso e ímolo facer coa maior batería de medidas e novidades das últimas décadas". Son palabras pronunciadas no Parlamento polo conselleiro de Educación Román Rodríguez, que compareceu na cámara a petición propia en vésperas do arranque do curso escolar.

Este mércores regresan ás aulas 307.854 alumnos e alumnas galegas de infantil, primaria, secundaria e Formación Profesional; son 3.289 menos que o curso pasado. A maior perda concéntrase en infantil e primaria, na ESO comeza a haber unha redución progresiva e mantense o incremento de alumnado en bacharelato.

"A pesar do contexto de baixada —di o conselleiro— incrementamos o número de aulas e o profesorado para lograr unha maior atención a todo o alumnado". Por iso, explica, "as trompetas de Xericó desafinan". "É complicado falar de recortes cando temos menos alumnos, máis aulas e máis profesores".

O conselleiro confía en que a volta ás aulas se produza "coa maior normalidade posible". Segundo explicou, este curso pecharanse seis escolas unitarias que están por baixo da ratio dos cinco alumnos. Con todo, Román Rodríguez indicou que a redución da ratio de 25 a 20 alumnos que empeza a aplicarse en cuarto de Infantil permitirá evitar o peche de 204 aulas este curso, que serían 900 nos próximos tres.

Durante este curso escolar, o cadro de persoal será de 31.603 profesores, tras a incorporación de 1.256 novos profesionais que superaron as oposición este ano. Román Rodríguez salienta este incremento malia atoparnos "nun contexto de caída xeral do alumnado" e avanza que é "o maior número da nosa historia".

Rodríguez celebra que Galicia sexa a primeira comunidade autónoma, e a única polo de agora, cun ensino público gratuíto desde as escolas infantís ata a Universidade e lembra o abano de iniciativas postas en marcha pola Xunta, como as axudas de libros de texto a material escolar, o repartimento de 400.000 libros de balde, a conxelación dos prezos dos comedores ou a gratuidade do transporte, medidas que permitirán aforrar ás familias galegas arredor de 100 millóns de euros.

Críticas da oposición

A deputada do BNG Cristina Fernández Dávila sostivo que a política educativa da Xunta é negativa e deixa "ás familias nunha situación ben difícil".

De feito, opinou que os distintos beneficios que expón o Goberno galego "non son rebaixas para as familias, son rebaixas para o ensino público" e alertou sobre a antigüidade dos recintos escolares e a necesidade de actuacións de eficiencia enerxética.

O deputado do PSdeG Julio Abalde acusou a Rodríguez de mentir ao dicir que "todo o bo corresponde á Xunta de Galicia e todo o malo corresponde ao Goberno central" cando, segundo el, todas as cuestións positivas da educación galega son "por iniciativa do Goberno e con financiamento do Goberno".

Sobre as taxas universitarias gratuítas da Xunta, afirmou que "non é certo" que sirvan para garantir o acceso á universidade, pois para iso están "as bolsas do Ministerio de Educación" que tamén cobren desprazamentos ou residencia.

A deputada do PPdeG Cecilia Vázquez Suárez valorou como "un exemplo de transparencia" a comparecencia do conselleiro. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade