Prado gáñalle a Fernández o duelo polo podio no Gran Premio de Alemaña
Prado gáñalle a Fernández o duelo polo podio no Gran Premio de Alemaña
Jorge Prado fallou na primeira rolda (7.º) pero recuperou puntos na segunda (3.º) e acabou entre os mellores
Rubén Fernández asina dous quintos postos e queda a dous puntos do caixón
Houbo duelo galego polo podio no Gran Premio de Alemaña no mundial de motocrós. Jorge Prado acabou na terceira posición con 34 puntos e Rubén Fernández acabou no cuarto posto con 32. Por diante Tim Gajser volveu gañar unha proba despois de catro en branco e afianzou o liderado.
A primeira rolda tivo o dominio total do líder do MXGP Tim Gajser. O esloveno non atopou rival, nin tan sequera Jorge Prado puido estar á súa altura na primeira volta, que adoita dominar o lucense.
Prado saíu atrasado e entrou na pelexa pola cuarta posición co reaparecido Romain Febvre e con Rubén Fernández. Unha caída acabou con esa posibilidade e tivo que conformarse coa sétima posición. Rubén apurou a Febvre pero faltáronlle un par de voltas para adiantalo.
Na segunda carreira o protagonismo foi para o suizo Jeremy Seewer, que acabou no primeiro posto por diante de Gajser. Na terceira praza consolidouse Jorge Prado, que aproveitou o erro de Jonass ou a baixada de prestacións de Febvre, mellor situados ca el para conseguir un posto entre os tres primeiros.
Rubén Fernández loitou con Vlaanderen pola cuarta posición, pero acabou asinando un quinto posto que o deixou a só dous puntos de subir ao caixón.
Así queda o Mundial, con Jorge Prado subindo un posto e chegando á terceira posición. Rubén Fernández é o sexto clasificado.