Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Xunta rebaixará o imposto de transmisión patrimonial e creará un bono de 5.000 euros para coidado de dependentes en domicilios

A Xunta rebaixará o imposto de transmisión patrimonial e creará un bono de 5.000 euros para coidado de dependentes en domicilios

O presidente da Xunta anuncia a redución de trámites para proxectos estratéxicos e a creación dun fondo de 300 millóns para financiar iniciativas empresariais

Alfonso Rueda di que Galicia "non vai tolerar" unha condonación de débeda e fará oír "a súa voz" e carga contra o Goberno central, a quen recrimina "incumprimentos" e "ninguneo"

A oposición dá por esgotada a lexislatura tras escoitar a Alfonso Rueda

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, no Parlamento (EFE/Lavandeira jr)
G24.gal 08/10/2023 13:47 Última actualización 09/10/2023 14:54

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, no seu primeiro debate de política xeral de Galicia, quixo reivindicar a idea de que Galicia é unha terra con "estabilidade", en contraste coas incertezas do panorama do Estado, e "seguridade", que considera que ofrecen as medidas que anunciou na súa intervención.

Política de vivenda

A primeira das medidas que puxo sobre a mesa foi a rebaixa nun punto, ata quedar no 8 % con carácter xeral, do imposto de transmisións patrimoniais, o que se aplica na compra dunha vivenda de segunda man.

Rueda lembrou que este imposto de transmisións xa foi rebaixado en 2022 do 10 % ao 9 %, e dixo que no ano próximo, 2024, rebaixarase un punto adicional este tributo, ata o 8 %, de maneira que supoñerá "un aforro adicional de 1.000 euros para quen compre unha vivenda de 100.000, de 2.000 euros, para unha de 200.000, e así sucesivamente".

O presidente da Xunta definiu a política de vivenda do seu Goberno definiu como "unha das máis ambiciosas de España", en que enmarcou a construción de preto de 1.900 novas vivendas públicas para alugueiro e outras 3.000 de promotores privados, xa anunciadas anteriormente.

Dependencia

Galicia terá o ano que vén un carné para maiores de 65 anos e ofrecerá un bono de 5.000 euros ao ano para as persoas con dependencia que sexan coidadas por un familiar na súa casa, ademais dun complemento de 1.200 euros para as que teñan xa bono para ir a unha residencia.

No ámbito do coidado ás persoas maiores, Rueda dixo que o novo carné ofrecerá aos maiores de 65 anos descontos semellantes aos que xa inclúe o Carné Xove. Ademais, haberá un novo programa de viaxes impulsado pola Xunta con estancias de lecer activo.

Durante o seu discurso, tamén se referiu a "avances" no ámbito sanitario, como xeneralizar nos próximos anos a presenza de psicólogos clínicos nos centros de saúde e tamén iniciar a tramitación "este mes" dunha lei de prevención de adiccións nos menores, para regular os vapeadores e as bebidas enerxéticas.

A Tarxeta Benvida concederase de forma automática desde 2024

Rueda tamén anunciou “un completo plan de simplificación administrativa que reducirá ao mínimo” as xestións, con novidades como a concesión da Tarxeta Benvida de forma automática.

Á súa vez, o título de familia numerosa, ademais de aprobarse de maneira inmediata tras o nacemento do terceiro fillo, renovarase automaticamente mentres o fogar teña dereito ao mesmo.

Estas son medidas tamén orientadas ao reto demográfico, segundo Rueda, que desvelou outra iniciativa neste campo como a Estratexia Galicia Retorna, “que busca que todos os galegos que viven no exterior saiban que aquí sempre terán un fogar”.

Incentivos empresariais

O presidente da Xunta tamén deu conta dun plan de atracción de investimentos en Galicia polo que se axilizará a tramitación dos proxectos estratéxicos.

Na mesma liña, tal e como avanzou que a Xunta impulsará un fondo público-privado que contará cun capital inicial de 300 millóns de euros.

Segundo detallou, o 10 % provirá das arcas autonómicas e o resto de investidores privados, o que ao seu xuízo é un “sinal da confianza que espertan os proxectos galegos”.

De igual modo, en busca de favorecer a axilidade na tramitación, declararanse proxectos industriais estratéxicos todos aqueles que cren 25 ou máis empregos, conten cun financiamento de 2 millóns de euros ou máis e leven aparellada unha importante incidencia territorial e socioeconómica.

Durante o seu discurso, desvelou tamén Rueda que a partir de agora todos eses proxectos industriais estratéxicos "terán un prazo máximo de tramitación garantida dun ano" desde a presentación de toda a documentación ata a súa aprobación.

Alfonso Rueda destacou que "cando se supere este prazo máximo garantido por causas atribuíbles á Administración, a Xunta indemnizará ao promotor co 1 % do importe total do proxecto, ata un límite de 500.000 euros”.

Ao mesmo tempo, os proxectos de tamaño medio, cun investimento superior a 800.000 euros, impulsaranse mediante un plan de aceleración de proxectos industriais e todos eles terán portelo único na Xunta de Galicia, de maneira que se reducirán os prazos á metade e garantirase o apoio do Goberno galego en caso de que os permisos de competencia municipal se demoren sen motivo.

Nestes casos, mesmo poderá ser a propia administración autonómica a que “podería chegar a emitir a licenza de obras” en lugar das entidades locais.

De forma paralela, tamén destacou que nos próximos meses a Xunta lanzará as primeiras axudas aos proxectos de hidróxeno verde para aproveitar as “condicións excelentes” que permitirán a Galicia ser "un hub de primeiro nivel en hidróxeno verde".

Plan da industria forestal-madeira

Ademais nos próximos meses vaise aprobar o plan estratéxico da industria forestal-madeira, que impulsará o uso deste material "cunha porcentaxe mínima" nos edificios que constrúa a Xunta.

Segundo expresou Rueda, unha vez completado o inventario forestal, aprobarase o plan estratéxico dunha industria que en Galicia supón "preto do 2 % do PIB".

Detallou que para impulsar o sector e "poñer en valor" a calidade da madeira, os edificios que constrúa a Xunta terán sempre unha porcentaxe mínima garantida de estrutura deste material. "Hai que dar exemplo", sentenciou.

E tamén anunciaba que se poñerá en marcha un pioneiro mercado de dereitos de carbono, e que se manterá un ambicioso programa de mobilización de terras.

Asesoramento ao sector pesqueiro para acceder a fondos europeos

Galicia buscará reforzar o seu liderado no ámbito marítimo polo que activará un servizo de asesoramento para os pescadores, acuicultores ou integrantes da cadea mar-industria para facilitar que poidan acceder a fondos europeos.

Rueda lembrou que somos “os primeiros en capturas sostibles e en produción de cultivos mariños”. Por iso, avanzou, “combateremos coa forza da razón o veto á pesca de fondo” que pon en perigo a supervivencia dun sector tan importante a comunidade.

Ademais, “seguiremos axudando ao sector ante o incremento de custos e reclamaremos que se materialicen por fin as axudas do PERTE para a cadea mar-industria”.

O 1 % do PIB ás universidades

A Xunta de Galicia destinará o próximo ano, polo menos, un 1 % do seu PIB ás universidades para axudar á adecuación das súas instalacións e á creación de novos espazos, ademais de fortalecer o seu sistema de I+D+i.

Reforzaranse tamén as liñas para captación de talento de alto nivel como o programa Oportunius ou os complementos ás bolsas ERC. Para iso, poñerase en marcha, o programa Recupera, que incorporará nos próximos tres anos a 30 investigadores expatriados de altísimo nivel para os centros de investigación do Sistema Universitario de Galicia.

En materia de educación, tamén se reforzará o traballo de orientación no ensino medio, para aqueles mozos que poidan pensar en abandonar os seus estudos. 

En torno ao Goberno de España e á investidura

Rueda, xa no comezo da súa intervención, tamén asegurou que Galicia "non vai tolerar" unha hipotética condonación de débeda a Cataluña e vai facer que a súa voz se escoite "máis que nunca" en España, ante a negociación da investidura de Pedro Sánchez, e en contra tamén da amnistía.

Dixo o presidente da Xunta que Galicia seguirá "o seu propio camiño" e terá "autonomía de criterio e acción" e cargou contra o Goberno central, cuxos "incumprimentos" e "ninguneo" á comunidade recriminou.

Sobre a investidura estatal advertiu de que "sería un inmenso erro pensar que as cuestións que están na mesa de negociación que se está abrindo co independentismo", porque o que está a debate "non é o futuro de ningún político", senón o futuro de España e da comunidade, polo que "a voz de Galicia e dos galegos debe ser escoitada máis que nunca".

Rueda avanzou que mañá trasladará ao Ministerio de Industria as reivindicacións de Galicia con respecto aos PERTE, entre outras, nunha reunión para a que ten previsto desprazarse a Madrid. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade