Rueda defende a política de vivenda e di que reclamará un pulo para industria en Madrid
Rueda defende a política de vivenda e di que reclamará un pulo para industria en Madrid
Rueda pídelle o apoio ao BNG para dar un pulo a industria, mentres que os nacionalistas debullan a situación de desfeita no sector industrial
Os socialistas piden aumentar as vivendas de protección pública e o presidente di que se contruíron 4.640
BNG e PSdeG piden que Rueda esixa responsabilidade a Baltar por ir a 215 km/h
O voceiro do grupo socialista, Luis Manuel Álvarez, dixo no Parlamento que a política de vivenda é inexistente. Álvarez afirmou que a Xunta fixo 617 vivendas nos últimos cinco anos.
"Mentres que no resto do Estado o número de mozos e mozas que se independiza aumenta, aquí diminúe. E o número de demandantes de vivenda, o número de persoas en risco de exclusión social é do 25 % en Galicia. Os prezos do alugueiro non deixan de subir, a oferta de vivenda pública non amenta e asistimos a unha inactividade por parte do Goberno da Xunta", afirmou Álvarez.
Alfonso Rueda asegurou que os socialistas son o altofalante da Moncloa e que recorren a vivenda de xeito electoralista, como lle reprochan os mesmos socios de Goberno. Asegurou que Álvarez manipula as cifras.
"No ano 2009 investíronse 80 millóns en comprar chan e despois urbanizalo, para poder facer vivendas públicas. 1.100 vivendas na Coruña, 1.700 en Vigo, 983 en Ferrol, 240 en Pontevedra, 370 en Lugo, das que están construídas, adxudicadas e entregadas, arredor de 2.000. As que se lle engaden as case 400 que fixeron os concellos coa axuda da Xunta de Galicia, aí ten unha cifra moi diferente a que vostede manexa. 5.737 vivendas de promoción privada cualificadas como vivendas protexidas, iso non o conta vostede porque non lle interesa, non podería dicir que todo é un desastre. 714 millóns de euros investidos para apoiar a máis de 143.000 familias, cifras pechadas a día de onte", asegurou Alfonso Rueda.
Luis Álvarez asegurou que o PP está dividido e que teñen medo coa volta de Besteiro a política.
"Véxoos a vostedes moi nerviosos co retorno do señor Gómez Besteiro e o tándem que fai co señor González Formoso. Señor Rueda, fan ben estar nerviosos. Por certo, eu non teño ningunha foto co señor Gómez Besteiro da que avergoñarme. Dito isto, cantos liderados hai no Partido Popular en Galicia? Ata onde teño contado, catro, e porque non hai máis provincias", dixo Álvarez.
Rueda di que traballan con seriedade non como o Goberno de Sánchez, que ofrece vivendas en que, na súa opinión, non se pode vivir.
"Voulle falar de vivenda, na primeira réplica e na segunda, non do señor Besteiro, como fixo vostede nin do Garañón, vou falar de vivenda real na que se pode vivir, non da que hai que derrubar, como o Garañón, de vivenda social. Máis de 4.640 vivendas de promoción pública adxudicadas, entre as 2.353 que se construíron e adxudicaron no 2009, e houbo segundas adxudicacións, porque hai un sistema que funciona e cando alguén non necesita esa vivenda que pediu faise inmediatamente unha nova adxudicación. 4.6040 vivendas de promoción pública construídas pola Xunta de Galicia. Aprobamos hai un mes e medio un plan para seguir, e ter, e incrementar nun 50 % o parque público residencial, queremos chegar as 5.600 vivendas no ano 2026", declarou o presidente da Xunta.
O presidente Rueda avanzou que os concellos contarán cunha axuda de máis de 2 millóns de euros para rehabilitar vivenda e destinala ao alugueiro social. Agora existen 3.800 pisos destinados aos máis vulnerables, e o obxectivo é chegar aos 5.600 en tres anos.
Pontón dixo que Galicia está a quedar atras no desenvolvemento industrial e os datos son o antídoto a propaganda do PP. A voceira do BNG dixo que se perderon 20.700 empregos no sector industrial, que o peso da industria no PIB é de menos do 15 %, que un informe da Comisión Europea di que Galicia o pechacancelas do desenvolvemento industria, e que o investimento estranxeiro caeu un 34 %. Ana Pontón dixo que son cifras reais, e que o que debería molestarlle ao goberno galego non son os datos do bloque senón é a desfeita pola perda de empregos que está a sufrir Galicia.
"O que debía de molestarlle señor Rueda e que mentres vostedes anuncian 50.000 novos empregos na industria, o que pasa neste país e que se perderon 20.700, o que debía de molestarlle e que mentres vostedes falan de que Galicia vai ser máis competitiva, o que vemos e que estamos entre as peores rexións da Unión Europea en competitividade, o que esteamos á cola do investimento estranxeiro e que estañamos perdendo peso da industria no noso PIB. Tamén debería de preocuparlle a perda de galeguidade das nosas empresas. É o caso de Nueva Pescanova, que Abanca vai vender a súa participación sen que vostedes digan absolutamente nada e non moveron nin un só dedo para impedilo", afirmou Pontón.
O presidente da Xunta di que os nacionalistas son os que se negan a apoioar a industria e que despois acoden ao Parlamento para dicir que non hai proxectos. O presidente propúxolle ao BNG apoiar a Lei de ordenación do litoral que vai ir ao consello da Xunta, e tamén as peticións que van facer ao Ministerio de Industria.
"Voulle dicir cousas moi sinxelas pero moi importantes. Voulle dicir que do mesmo xeito que están asignando cantidades millonarias a entidades con cargo aos fondos Next Generation a outras comunidades, voulle dicir que aquí tamén hai proxectos tractores, moi importantes, maduros, que van crear milleiros de empregos, que están para comezar a funcionar e necesitan ese pulo. Vou ter o seu apoio para iso, señora Pontón? Vou ter o seu apoio cando lle diga que dos escasos 1.300 millóns de euros des asignación directas con cargo a Next Generation a Galicia é ridículo que só o 2,5 %, por decisión do Goberno central, se poidan dedicar a fomentar a nosa industria. Voulle dicir que eleve esas porcentaxes. Vou ter o seu apoio cando lle diga que o seu comisionado do corredor atlántico de mercadorías que nomearon unha mañá a présa e correndo asustados porque varias comunidades de distintas cores políticas no unimos para dicir que os nosos industriais necesitan ser competitivos en transporte ferroviario, e nin sequera foi capaz de vir aquí a manter unha xuntanza, vou ter o seu apoio señora Pontón?, asegurou o presidente Rueda.