Publicador de contidos
Publicador de contidos

Rueda e o arcebispo de Santiago apelan a buscar o "ben común" tras o 23X

Rueda e o arcebispo de Santiago apelan a buscar o "ben común" tras o 23X

As referencias ás eleccións xerais protagonizaron a ofrenda ao Apóstolo

O botafumeiro, durante a Ofrenda ao Apósto (EFE Lavandeira) O botafumeiro, durante a Ofrenda ao Apósto (EFE Lavandeira)
G24.gal 25/07/2023 15:37

As referencias ás eleccións xerais do 23X protagonizaron a ofrenda ao Apóstolo Santiago por parte do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e a homilía do arcebispo de Santiago, Francisco José Prieto, que avogaron este martes por priorizar "o ben común" e tampouco se esqueceron da invasión de Rusia por parte de Ucraína nin das vítimas do accidente do Alvia fai dez anos.

O presidente da Xunta exerceu como delegado rexio na tradicional -celébrase desde o ano 1643- Ofrenda ao Apóstolo con motivo da festividade de Santiago, un acto ao que acudiu o líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, que escoitou algún berro de "presidente" na praza do Obradoiro antes de entrar na catedral de Santiago.

Na súa invocación á ofrenda, o titular do Goberno galego mostrouse orgulloso de "mostrar os respectos de todo o pobo español" ao Apóstolo nunha época "en que se concede un valor absoluto a símbolos que son moi discutibles".

Rueda puxo como referencia "a exemplar transición" que se viviu na arquidiócese​​​ de Santiago "para todos dentro e fóra da igrexa" agora que os españois "comezamos unha nova etapa nesta senda compartida que é o noso país".

"Como sabe calquera bo camiñante, cando un grupo afronta unha bifurcación non debe dividirse nin quedar paralizado pola natural incerteza ou o medo", indicou o presidente da Xunta, quen precisou que "sexa cal for a alternativa que se tome", resultará "máis perigosa" se os primeiros pasos "parten da fractura".

Por iso apelou a que "España e Galicia sigan avanzando unidas" e advertiu de que as "institucións nadas da soberanía popular que se conformarán nas próximas semanas acertarán sempre que antepoñan o ben común dos cidadáns a calquera outra consideración".

Afirmou que "os responsables públicos" deben ter "sempre presente" que no exercicio dos seus cargos non se representan a si mesmos nin só aos seus "afíns", senón que son "defensores da pluralidade".

O presidente da Xunta avogou por "recuperar o valor dos símbolos nos que cabemos todos" e tamén por "reforzar a credibilidade dos representantes públicos, protexer a quen necesita amparo e promover un progreso racional e equilibrado".Eses son para o presidente de Galicia, "obxectivos no próximo tramo do camiño".

Precisou que o Camiño de Santiago rexistra "unha afluencia á alza" e "resalta principios que algúns crían esquecidos" á vez que se converte no "remedio á frivolidade, o egoísmo e os peores usos e costumes do mundo que nos tocou vivir" xa que ofrece sensatez e tranquilidade "no medio do barullo do século XXI".

Un barullo no que, dixo, segue "chegando o son metálico" da guerra de Ucraína pola invasión rusa. A intención, indicou, é seguir "traballando para que chegue canto antes ao seu fin".

Rueda lembrou ás victimas do accidente ferroviario do Alvia en Angrois, do que se cumpriron dez anos este luns, e pediu "xustiza".

En nome do rei Felipe VI, tamén solicitou ao Apóstolo que "axude" o pobo español "a avanzar con prudencia, pero tamén sen vacilacións" no camiño da "historia" e que baixo a tutela da coroa, "con independencia dos credos", España sexa "unha nación aberta e acolledora".

Antes da misa solemne, o titular do Executivo galego foi recibido na Praza do Obradoiro, entre outros, polo delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; o líder do PP e expresidente de Galicia, Alberto Núñez Feijóo; representantes militares ou a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, que non se incorporou aos actos que se celebraron dentro da catedral.

Xa no interior dese recinto, a celebración relixiosa comezou co acto de imposición do palio ao arcebispo de Santiago, Francisco José Prieto, por parte de Bernardito Auza, nuncio do papa Francisco.

Na súa homilía, Prieto, que foi nomeado arcebispo de Santiago o pasado 1 de abril, reclamou "liberdade, xustiza e verdade", que son "palabras que acreditan ou desacreditan" as persoas.

"Quen carece delas, carece de dignidade", afirmou Francisco José Prieto, quen defendeu de que é o "momento de transcender a banalidade", de empregar unha "linguaxe atractiva" desde a igrexa, con esa "intelixencia que saiba distinguir o importante do secundario".

O arcebispo tamén tivo presente as eleccións xerais e pediu "especialmente por aqueles que foron elixidos" nelas "para que dediquen os seus mellores esforzos ás esixencias do ben común e o empeño por construír unha sociedade en paz, cimentada na verdade, a xustiza e a liberdade, onde servir sexa sempre o horizonte da responsabilidade política por encima das lexítimas diferenzas". 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos