Publicador de contidos
Publicador de contidos

Rueda e Rey pactan varias partidas para instalacións deportivas e barrios históricos en Ferrol

Rueda e Rey pactan varias partidas para instalacións deportivas e barrios históricos en Ferrol

O alcalde de Ferrol asegurou que se acometerá "o maior investimento na historia da cidade en deportes" 

En materia urbanística, promoverase un convenio específico de rexeneración urbana en Ferrol Vello, Esteiro e A Magdalena 

G24.gal 16/10/2023 21:45

O presidente da Xunta Alfonso Rueda e o alcalde de Ferrol José Manuel Rey Varela acordaron este luns investimentos conxuntos para mellorar recintos deportivos e afondar na rexeneración dos barrios históricos da cidade, unus plans que suporán desembolsos de 18 millóns de euros. Así o anunciaron en comparecencias tras unha xuntanza na sede do Goberno autonómico en Ferrol. 

O alcalde de Ferrol asegurou que se acometerá "nos próximos catro anos o maior investimento na historia da cidade en deportes" cun desembolso ao 50 % de 18 millóns de euros en catro anos.

Nunha primeira anualidade, que preverán os orzamentos da Xunta de Galicia de 2024, consignaranse 1,5 millóns de euros, a mesma partida que incluirán as contas municipais do exercicio entrante para a devandita "renovación integral de instalacións" e o inicio do plan do Concello para crear unha Cidade do Deporte.

Rey Varela tamén destacou que se pactou a "redefinición dos proxectos" de solo industrial de Mandiá e Leixa, para tratar nunha reunión técnica o próximo mes xunto á Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao en relación á primeira das zonas e con Solo Empresarial do Atlántico, dependente do Estado, sobre a segunda.

O alcalde de Ferrol tamén valorou o acordo para instar a Adif a rubricar o convenio que permita dotar a localidade dunha estación intermodal e o "impulso por parte da Xunta" para abrir na cidade unha agrupación industrial de eólica mariña e un polo de I+D de enerxías renovables.

En materia urbanística, resaltou que se promoverá un "convenio específico de rexeneración urbana, urbanización e humanización" adicional aos plans xa existentes para executar en Ferrol Vello, A Magdalena e Esteiro por outros 18 millóns de euros nos próximos catro anos, cun 50 % de financiamento de cada administración.

Sobre o saneamento da zona rural ferrolá, Rey Varela incidiu en que se retomarán os "compromisos coa corporación anterior que non puideron executarse por falta de tempo", que ascenden a 12 millóns de euros, dos que o Executivo galego achegará o 70 % ata o ano 2027.

Dotar a Ferrol dun novo xulgado específico para casos de violencia de xénero ou auspiciar melloras no transporte público ante a súa "sobrecarga" polo mal estado da conexión ferroviaria son demandas que completaron a axenda de traballo entre Rueda e Rey Varela.

Respecto diso, o rexedor insistiu en que non "parece razoable" que se "tarde unha hora e vinte minutos" en viaxar en tren á Coruña, polo que emprazou a esixir actuacións ao Goberno central, como tamén para que Navantia Ferrol conte cun novo dique.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade