O sector eólico insiste en que están en xogo 14.000 empregos e 7.000 millóns
O sector eólico insiste en que están en xogo 14.000 empregos e 7.000 millóns
Vaticina entre ano e medio e dous anos de parón xudicial
Endesa obtivo este xoves o visto e prace do goberno central para levantar dous parques eólicos no nó das Pontes. Na Asociación Eólica de Galicia vaticinan, porén, que todos os parques pendentes de construción en Galicia van ter que esperar.
"Está todo pendente dunha consulta prexudicial do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia á comunidade europea. Isto o que pode supoñer é que sigamos coa paralización actual durante un ano e medio ou dous anos", laméntase o presidente da asociación, Manuel Pazo Paniagua.
Manuel Pazo advirte de que as industrias marchan onde hai seguridade xurídica e asegura que aquí non a hai.
"Están pendentes máis de 14.000 empregos, máis de 7.000 millóns", afirma o presidente da Asociación Eólica de Galicia.
O presidente da Asociación Eólica de Galicia cre que as respostas xudiciais chegarán tarde.
"Nin haberá as subvencións europeas para a implantación deste tipo de transición enerxética, por unha banda; e por outro lado, a tecnoloxía quedará totalmente obsoleta", vaticina.
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ten paralizados cautelarmente 49 parques eólicos, a maioría por posibles riscos ambientais.