Rueda na mensaxe de fin de ano: "Galicia non é unha moda pasaxeira, senón un lugar excepcional"
Rueda na mensaxe de fin de ano: "Galicia non é unha moda pasaxeira, senón un lugar excepcional"
O presidente da Xunta elixiu o Centro Internacional de Acollida ao Peregrino para a súa primeira mensaxe institucional do 31 de decembro
Falou da axuda ás familias con dificultades, da mellora dos servizos públicos e da consolidación de Galicia como destino turístico
O Centro Internacional de Acollida ao Peregrino foi o lugar escollido polo presidente da Xunta para facer a mensaxe institucional de fin de ano. É a primeira de Alfonso Rueda dende que lidera o goberno galego e nela reivindicou as fortalezas de Galicia.
Falou amais da axuda ás familias con dificultades, da mellora dos servizos públicos e da consolidación de Galicia como destino turístico. Todo, insistiu, mantendo a estabilidade política da que carecen moitos lugares de España.
"Esta terra é exemplo de responsabilidade, de estabilidade e de solidariedade. Reafirmarnos no que somos é especialmente relevante en momentos coma este, cando estes principios resultan case que rarezas".
O presidente da Xunta subliñou na tradicional mensaxe de fin de ano que Galicia ten que reafirmarse na responsabilidade e a estabilidade e rexeitar as confrontacións estériles.
Iso non quita, afirmou, que defenda con razóns os seus lexítimos intereses e anima a afrontar o 2023 con prudencia e ilusión.
Alfonso Rueda elixiu o lugar onde 438.000 peregrinos recolleron as súas compostelas para a súa primeira mensaxe institucional de fin de ano como presidente da Xunta. O sitio prestábase a lembrar os máis de seis millóns de turistas que viñeron a Galicia no 2022 e os que agarda no futuro.
"Galicia non é, nin moito menos, unha moda pasaxeira senón un lugar excepcional que vai seguir seducindo ao mundo durante moitos anos máis. Hoxe culminamos un Bienio Santo único, pero a Década Xacobea continúa".
Reafirmarse na estabilidade
Galicia é terra de responsabilidade, estabilidade e solidariedade, asegura, e mais que sabe defender o seu tamén.
"Reafirmarnos no que somos é especialmente relevante en momentos coma este, cando estes principios resultan practicamente rarezas. Seguiremos afastados da confrontación estéril pero defenderemos con lealdade e argumentos aquelas causas que entendemos xustas e útiles para esta terra."
"O traballo que fixemos desde Galicia nos últimos meses situou os novos investimentos á nosa porta. Agora só falta que o Goberno Central, quen ten as chaves da repartición, llela abra para que entren a crear emprego, riqueza e un futuro mellor aquí, en Galicia".
Di o presidente que os galegos construíron entre todos uns servizos públicos de primeiro nivel, pero que fai falta máis.
"A Xunta seguirá facendo canto estea na súa man para ofrecer aos galegos a sanidade pública que merecen, para ofrecer unha educación que abra cada vez máis portas e para prestar a axuda que necesitan as familias con fillos ou que estean coidando a persoas dependentes".
Oito meses de inflación
Tras oito meses de inflación, Rueda avisa que as dificultades non remataron aínda. Á mocidade promételles mellorar as políticas de emprego, vivenda e formación.
Tras lembrar ás vítimas do accidente de autobús en Cerdedo-Cotobade, pechou a mensaxe con optimismo e prudencia.
"Deséxolles que no 2023 afronten os novos retos con prudencia e sentidiño, pero tamén con optimismo e ilusión. Haberá reveses, por suposto, pero os momentos felices serán máis. E cando haxa que supera obstáculos, farémolo, como sempre fixemos os galegos: apoiándonos os uns aos outros. Desfruten das festas e moi feliz ano a todos".
Reacción do BNG
A portavoz nacional do BNG considera que a mensaxe de Rueda é un discurso "escapista, fóra da realidade", que evidencia un Goberno do PP sen proxecto de futuro para Galicia.
Ana Pontón asegura que as súas verbas quedan desmentidas polos feitos dun Partido Popular que "en plena crise, goberna para una minoría de privilexiados, mentres ignora o sufrimento da maioría dos galegos".
🔴🔴 Valoración do discurso de Rueda en 10 chíos 👇👇👇
— Ana Pontón (@anaponton) December 31, 2022
1️⃣Estamos ante un discurso escapista, fóra da realidade, que demostra que o Goberno do PP non ten proxecto de futuro para Galiza e que non confía no potencial de Galiza. As boas palabras non poden agochar a realidade.
Valoración do PSdeG
O secretario xeral do PSdeG censura un discurso que, dende o seu punto de vista, está "cheo de renuncia e resignación" e esquece "os verdadeiros problemas dos galegos".
Valentín González Formoso amósase tallante e afirma que "un presidente que renuncia aos anhelos dun pobo, non merece ser presidente dese país".
O discurso de fin de ano do presidente Rueda é un discurso baleiro, cheo de resignación e renuncia. Un discurso no que obvia os verdadeiros problemas dos galegos e das galegas.
— Valentín Formoso (@ValentinFormoso) December 31, 2022
Galicia aspira a un Goberno que teña en conta as súas necesidades.
Avaliación do PPdeG
A secretaria xeral do PPdeG salienta a "estabilidade" do Goberno presidido por Alfonso Rueda fronte ás "pelexas internas" doutros partidos e o "catastrofismo" da oposición.
Paula Prado considera que a mensaxe demostra que tanto o presidente da Xunta como o Goberno galego están "apegados á realidade e aos problemas de Galicia".
A mensaxe de Fin de Ano de @AlfonsoRuedaGal exemplifica á perfección que temos un presidente e un Goberno galego apegados á realidade de Galicia.
— 🍒 Paula Prado (@paulapra2) December 31, 2022
Ofrecen estabilidade, solvencia e futuro á nosa Comunidade fronte ao catastrofismo que só sabe ver a oposición.
A por 2023! 👏🏻 pic.twitter.com/qcuCNjK1q1