Rueda pide que as empresas galegas entren no PERTE agroalimentario
Rueda pide que as empresas galegas entren no PERTE agroalimentario
Rueda comprometeu o apoio da Xunta nesta demanda da industria galega
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, pide que as empresas galegas poidan beneficiarse do PERTE agroalimentario que anunciou o Goberno central e que non suceda como noutros sectores económicos, en que importantes firmas da comunidade (como Stellantis) quedaron fóra da repartición dos fondos europeos.
Nunha visita ao Centro de Procesado Avícola de Coren en Ourense, Rueda comprometeu o apoio da Xunta nesta demanda da industria galega.
"Espero que a potencia que ten Galicia no sector agroalimentario para presentar proxectos que poidan ser aproveitados sirva para que poidan entrar e non suceda como con outros eidos dos PERTE, en que empresas moi potentes galegas non están incluídas e non por culpa delas. Agardo que iso se solucione e que neste caso non se produza e ofrezo toda a axuda da Xunta de Galicia", afirmou.
Rueda lembrou que a Xunta leva destinados dende o 2009 trinta millóns de euros en axudas directas a Coren cooperativa e comprometeuse a seguir apoiando as empresas ante o aumento dos custos da enerxía.