Rueda propón para a Mesa do Parlamento a Ethel Vázquez, que deixará a Xunta
Rueda propón para a Mesa do Parlamento a Ethel Vázquez, que deixará a Xunta
O PPdeG mantén a Miguel Santalices como presidente da cámara galega
Tamén conserva a Elena Candia como vicepresidenta primeira
Miguel Santalices seguirá sendo o presidente do Parlamento galego na XII lexislatura que comeza este luns coa constitución da cámara autonómica tras as eleccións do pasado 18 de febreiro.
Segundo avanzou o PPdeG, a proposta que levará ao pleno inclúe a Elena Candia como vicepresidenta primeira, o posto que desempeñou a pasada lexislatura desde a saída de Diego Calvo, cando foi nomeado vicepresidente primeiro.
Tamén e como novidade, o PPdeG proporá a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade en funcións, Ethel Vázquez, que terá que abandonar deste xeito o Executivo galego.
Ethel Vázquez (Santiago, 1972) é enxeñeira técnica superior de Camiños, Canles e Portos e desde 2014 forma parte do Goberno da Xunta, cando relevou a Agustín Hernández, no que permaneceu unha década.
De feito, o propio presidente da Xunta en funcións e líder do PP galego, Alfonso Rueda, escribiu nas redes sociais sobre as novas responsabilidades de Vázquez.
Propúxenlle a @EthelVazquez_m que forme parte da Mesa do @Par_Gal. Durante anos foi unha conselleira excepcional, pero, sobre todo, unha magnífica compañeira. Sei que agora o fará tan ben como o fixo no Goberno. Grazas por todos estes anos, Ethel, e polos que están por vir pic.twitter.com/rXhbb7Z44p
— Alfonso Rueda (@AlfonsoRuedaGal) March 17, 2024
Presidente e vicepresidenta
Miguel Santalices (Bande, 1955) é licenciado en Medicina e Cirurxía e é presidente do Parlamento desde finais da IX lexislatura, 26 de xaneiro de 2016.
Elena Candia (Mondoñedo, 1978) é licenciada en Dereito e ocupa a Vicepresidencia Primeira do Parlamento desde maio de 2022, a metade da pasada lexislatura.
Novo equipo
Coa entrada de Ethel Vázquez na Mesa do Parlamento confírmase que haberá polo menos unha saída no equipo que nomee Rueda para o Consello da Xunta, unha vez sexa investido de novo presidente, segundo as previsións, na primeira ou segunda semana de abril.