Publicador de contidos
Publicador de contidos

Rueda propón un pacto pola industria desde un Goberno "que defenderá os intereses dos galegos"

Rueda propón un pacto pola industria desde un Goberno "que defenderá os intereses dos galegos"

A sesión do debate de investidura retomarase o xoves coa intervención dos grupos parlamentarios, e posteriormente procederase á votación da candidatura

Pontón ve a Rueda instaurado "no día da marmota"Besteiro tacha a proposta de "tremendamente decepcionante", DO di que "non vai bloquear" a investidura e Pazos valora o discurso "ilusionante"

Alfonso Rueda amosa o seu discurso aos informadores gráficos antes do comezo (Europa Press/Álvaro Ballesteros)
G24.gal 09/04/2024 11:33 Última actualización 09/04/2024 15:08

O presidente da Xunta en funcións e candidato do PP á investidura, Alfonso Rueda, pechou o seu discurso definíndose como un "camiñante ao carón" de Galicia e comprometeuse a "dar todo" para que a comunidade "siga superándose".

"Cando non nos poñemos límites, os galegos somos imparables. Pido a súa confianza para seguir por ese camiño", aseverou Rueda no final do seu discurso de investidura cunha importante carga económica, no que ofreceu un pacto á oposición en materia de industria e anticipou os cambios na estrutura da Xunta

"En Galicia vai haber un goberno que defenderá por encima de todos os intereses do pobo"

Rueda iniciou o seu discurso reivindicado a "Galicia que funciona" e recoñecendo os "acertos" e "erros" cometidos durante a súa etapa ao servizo de Galicia desde "moi diversas responsabilidades".  

O candidato defendeu que a súa xestión evitará as "rupturas, bloqueos nin xiros bruscos" e actuará co Estatuto de Autonomía como guía, ao entender que é "marco suficiente para facer tantas cousas".    

Volveu a criticar a "falta de compromiso" do Goberno central con Galicia e avanzou que urxirá reunirse co presidente do Estado, Pedro Sánchez, para trasladarlle as materias pendentes e deixou claro que "en Galicia vai haber un goberno que defenderá por encima de todos os intereses do pobo".

Rueda indicou que Galicia seguirá defendendo o "equilibrio entre territorios e cidadáns" e "falará con voz propia en asuntos que marcarán o futuro do Estado das autonomías". "O primeiro, o principal, o máis urxente, é a negociación dun novo modelo de financiamento autonómico", manifestou.

Rueda agarda "esta vez ser escoitado" polo Goberno

"Faltan compromisos, como tamén faltan compromisos do Goberno central co sector primario e cos fogares que cada vez teñen máis difícil atender subministracións básicas", sostivo para volver reivindicar a redución do IVE do peixe e da carne.

Tras citar estes e outros asuntos pendentes, avanzou que, en canto sexa recibido polo rei Filipe VI, solicitará ser recibido polo presidente do Goberno para trasladar todas estas reivindicacións.   "Fareino con lealdade e con firmeza e esperando que esta vez, despois do resultado electoral, que sexamos escoitados", afirmou para urxir tamén a Conferencia de Presidentes.

Anunciou a aplicación dunha nova rebaixa á tributación das herdanzas que se aplicará entre os parentes colaterais (irmáns, tíos, sobriños, sogros, cuñados e xenros).

Enunciou unha serie de cambios dentro da estrutura da Xunta. Segundo o anunciado por Rueda, o novo Goberno galego que constituirá logo da súa toma de posesión contará cunha asesoría xurídica de "asuntos constitucionais" baixo a carteira de Presidencia, as responsabilidades en ciencia pasarán de Economía a "centralizarse" na Consellería de Educación e as competencias de Emigración entrarán no departamento de Emprego para tratar de impulsar as estratexias de retorno de galegos no exterior.

Oferta de pacto en industria e enerxía

Neste punto Rueda, asegurou que lle gustaría alcanzar na Cámara galega un "amplo consenso" sobre os asuntos que forman parte da columna vertebral da economía galega e propuxo chegar a un pacto pola industria e a enerxía.

"Gustaríame que todos os partidos con representación parlamentaria puidesen facer as súas propostas en materia de política económica", afirmou.

Ademais, avanzou que a Xunta garantirá que todos os proxectos que creen 25 ou máis empregos e que leven consigo un investimento mínimo de dous millóns de euros se tramiten nun prazo máximo dun ano. "Se a Administración non cumpre, indemnizarase o promotor".

Tamén dixo que as competencias de Ordenación do Solo Industrial, ata agora vinculadas a Urbanismo, pasarán a integrarse na Consellería de Industria para garantir que ningún proxecto deixe de ser viable por falta de chan.

Así mesmo, avanzou a creación dun fondo público-privado, cun capital inicial de 300 millóns para dar impulso ás iniciativas empresariais máis emprendedores.

"Eu digo industria e medio ambiente"

Rueda censurou as "posturas populistas" que, ao seu xuízo, tratan de "enganar ou manipular a sociedade galega presentándolle unha disxuntiva que é falsa" sobre industria ou medio ambiente. "Galicia debe darlle a benvida a todo o investimento que cre emprego e que cre riqueza, a condición de que respecte a nosa contorna e cumpra escrupulosamente coa lexislación vixente", apostilou.

"Eu digo industria e medio ambiente. As dúas cousas", aseverou Rueda sen citar expresamente o proxecto de Altri para Palas de Rei.

Para Rueda, é "lóxico" que exista un debate público "sobre a convivencia do desenvolvemento industrial e enerxético e a conservación patrimonio natural", pero cre que existen posturas "posturas populistas que consideran que ningún proxecto industrial, nin enerxético, pode saír adiante nunca en Galicia".

"Por suposto que non sairá adiante ningún proxecto empresarial que sexa incompatible coa contorna", incidiu antes de sentenciar que "pretender levantar un muro ante calquera nova proposta industrial é unha postura política lexítima, pero que desde logo en ningún caso pode considerarse progresista".

A continuación, Rueda avanzou que a Consellería de Medio Ambiente centralizará a tramitación de todos os proxectos de enerxías renovables. "O nivel de rigor e de esixencia debe seguir sendo o máximo: a axilidade, tamén", apostilou.

Promesa de duplicar o parque público de vivenda

En canto a vivenda, que Rueda fixou como outra das prioridades do Goberno, dixo que  “a fórmula máis segura, estable e con menos efectos secundarios para reducir o prezo de domicilios en compra ou alugueiro pasa por incrementar o número de vivendas que hai dispoñibles no mercado” e, por iso, comprometeuse a iniciar a construción de vivenda pública nos primeiros cen días de Goberno.

Apuntou ademais a súa intención de duplicar o tamaño do parque público de vivenda para pasar dos 3.800 domicilios dispoñibles hoxe ata os 8.000 en 2028. Esta será unha das súas primeiras medidas xa que 375 destas novas vivendas de promoción pública comezaranse a construír nos primeiros 100 días do novo Goberno.

No seu discurso, que durou algo máis de hora e media, confirmou compromisos de campaña, como axudas para financiar as actividades extraescolares e as clases de reforzo para os estudantes galegos.

Rueda anuncia novas medidas de impulso á natalidade, dende técnicas de reprodución asistida, incluída a conxelación de óvulos. En materia sanitaria dixo que o próximo executivo porá o foco nos próximos anos na prevención.

Anunciou medidas en favor da vida saudable e tamén de saúde mental, coa habilitación de psicólogos nos centros de saúde. Ademais aproveitou para pedir ao Goberno medidas que palien a falta de médicos.

Á parte, na última parte da súa intervención, prometeu "protexer" a lingua propia e abrir o galego ao mundo, así como potenciar o uso do galego entre a poboación neofalante.

Galicia na próxima "Década Xacobea" terá "as portas abertas ao turismo respectuoso", engadiu, e confiou en que esta sexa a lexislatura na que a Ribeira Sacra sexa declarada Patrimonio da Humanidade.

Tamén instou a "combater activamente" o machismo e asegurou que "non vai haber cuartel" contra a violencia machista, coa posta en marcha de centros de información á muller (CIM) móbiles, e unha atención personalizada ás mulleres con especial vulnerabilidade.

Tras a intervención de Rueda, o presidente do Parlamento, Miguel Santalices, anunciou que a sesión de investidura vaise retomara o vindeiro xoves ás 11:30 da mañá coas intervencións dos grupos parlamentarios, que irán de menor a maior representación, polo que empezará o deputado de Democracia Ourensana, Armando Ojea.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade