Publicador de contidos
Publicador de contidos

Alfonso Rueda "reactiva" a mesa do diálogo social en Galicia

Alfonso Rueda "reactiva" a mesa do diálogo social en Galicia

O presidente da Xunta reúnese coa patronal e os sindicatos

G24.gal 14/06/2022 14:38

Alfonso Rueda fai este martes un mes como presidente da Xunta "revitalizando" o diálogo social. Nesta xornada reuniuse no Parlamento cos secretarios xerais dos sindicatos UXT, Xosé Antón Gómez, e Comisións Obreiras, Amelia Pérez; e co presidente dos empresarios galegos, Juan Manuel Vieites. Na reunión tamén estivo a conselleira de Promoción do Emprego, María Jesús Lorenzana.

Presidente, sindicatos e empresarios din que foi unha primeira toma de contacto "cordial" para analizar a situación económica e coinciden tamén en que cómpre tomar medidas para axudar as familias e sectores afectados pola inflación.

Por riba das diferenzas ideolóxicas, din os sindicatos, está a lealdade institucional e o obxectivo de buscar solucións aos problemas dos traballadores.

"Queremos en poñer en valor o diálogo social, agora denostado por algúns partidos políticos, e que deu o seu froito ao longo da historia deste país", dixo Amelia Pérez.

Xunta e sindicatos coinciden en que falta coordinación entre Estado e comunidades para investir os fondos europeos de recuperación. Da reunión de hoxe sae tamén dúas demandas dos sindicatos á Xunta: unha mesa sobre políticas sociais e revisar os contratos públicos de limpeza, seguridade ou residencias pola suba de prezos.

"Habería que poder habilitalos á alza porque eses contratos a día de hoxe non dan para pagar correctamente as nóminas", defendeu Xosé Antón Gómez.

Os empresarios destacan entre as prioridades mellorar a situación dos traballadores transfronteirizos e coordinación entre administracións para conseguir que o peso da industria no PIB galego chegue ao 20 %.

"Hai que buscar que Galicia sexa amigable cos investidores e unha comunidade próspera e industrializada", afirmou Juan Manuel Vieites.

O presidente da Xunta comprometeuse a analizar o impacto da inflación nos contratos públicos. Alfonso Rueda asegura que este é o primeiro dos moitos encontros entre Xunta, sindicatos e empresarios.

"Tiña claro que nas miñas primeiras semanas quería retomar as mesas de diálogo social, especialmemte nun momento en que as circunstancias fan conveniente falar e intentar chegar a acordos", dixo.

Rueda e o presidente dos empresarios coincidiron en reclamar ao Estado as competencias do litoral.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar