Rueda traslada o "desgusto" polo recurso do Estado contra a prórroga de Ence
Rueda traslada o "desgusto" polo recurso do Estado contra a prórroga de Ence
O presidente da Xunta lamenta ademais que este recurso chegue "un mes antes das eleccións locais"
O presidente da Xunta confésase desgustado" tras confirmarse que a Avogacía do Estado presentou recurso promovendo incidente de nulidade contra a sentenza do Tribunal Supremo que avalou a continuidade da celulosa Ence na ría de Pontevedra.
Alfonso Rueda sinalou tamén que está "sorprendido" porque a sentenza do Supremo "é bastante clara", e ironizou: "Gustaríame que a Avogacía do Estado fose igual de insistente noutros temas que vemos por aí". O presidente da Xunta advertiu de que esta actuación do Estado "non é boa" porque a empresa "foi clara desde o principio" e alertou de que necesitaba "seguridade xurídica para seguir facendo investimentos".
Así mesmo, criticou que se presentou este recurso "un mes antes das eleccións locais", cando o Goberno do Concello de Pontevedra, presidido polo nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores, "implicouse tanto" (o consistorio tamén recorreu a sentenza, do mesmo xeito que Greenpeace). "Non me gusta nada, creo que estas cousas deben separarse e espero que non se volva a repetir", resolveu.