Publicador de contidos
Publicador de contidos

Rueda ve "inminente" a sucesión pero di que aínda non é tempo de falar de cambios

Rueda ve "inminente" a sucesión pero di que aínda non é tempo de falar de cambios

O PSdeG pídelle ao vicepresidente da Xunta romper coa "herdanza nefasta" de Feijóo

Alfonso Rueda, este luns en Santiago de Compostela
G24.gal 25/04/2022 13:23

O vicepresidente primeiro da Xunta e conselleiro da Presidencia, Alfonso Rueda, asegurou que a sucesión de Alberto Núñez Feijóo á fronte do Goberno galego é un proceso "inminente" a pesar do que cre que aínda non é o momento de falar de posibles cambios no Executivo.

Rueda volveu evitar falar da data en que el se converterá, previsiblemente, en presidente da Xunta, xa que depende dunha "decisión persoal" de Núñez Feijóo e a única concreción, de momento, é que en maio a substitución estará terminada.

"Os anuncios que haxa que facer, as datas que sexan, correspóndelle facelos a quen ten a potestade de tomar esa decisión que non son eu", incidiu.

Polo que respecta á sucesión á fronte do PPdeG, para o que oficializou a súa candidatura o venres pasado, Rueda apuntou que este sábado iniciará cun acto en Lugo a súa campaña, de nove días, para explicar aos seus compañeiros o seu proxecto por toda Galicia.

"Unha cousa é a substitución no PPdeG e outra na Xunta, son cousas diferentes", puntualizou.

Ironizou que pensaba que a oposición o ía recibir "cos brazos abertos", pero ve que non é así, o que non lle causa sorpresa porque considera que eses partidos están "preocupados", e precisou que o PPdeG está a facer "todo o contrario" ao que foron os seus procesos en que "se abren en canal e ven as discusións que nunca son capaces de pechar".

O PSdeG insta a Rueda a "romper" coa herdanza "nefasta" de Feijóo

O portavoz parlamentario do PSdeG, Luís Álvarez, instou este luns a Alfonso Rueda, a "romper" coa herdanza "nefasta" de Alberto Núñez Feijóo, unha vez acceda ao cargo tras a inminente saída do aínda xefe do Goberno galego.

Nunha conferencia de prensa, Álvarez indicou que a intención do PSdeG é "deixar que o señor Rueda tome o tempo necesario" para asumir as súas novas responsabilidades, aínda que "ten que cambiar absolutamente a forma de facer política".

Neste sentido, criticou o estado no que o presidente saínte deixa servizos como a atención primaria en saúde pública, o peche de centros educativos, o crecemento da débeda pública ou a "importante desindustrialización" que, ao seu xuízo, experimenta Galicia.

Puy avoga por manter as políticas de Feijóo

O portavoz do PPdeG no Parlamento galego, Pedro Puy, avogou este luns por que a Xunta manteña tanto as políticas como a forma de executalas lideradas por Alberto Núñez Feijóo, "fórmula de éxito" nas eleccións galegas desde 2009 e avaladas polos cidadáns con maiorías absolutas en 2012, 2016 e 2020, dixo.

Durante unha conferencia de prensa, Puy desdeñou o balance "negativo" dos grupos da etapa de Núñez Feijóo na Xunta e asegurou que o trece anos de goberno do aínda presidente galego, que se prevé que dimita nos próximos días, é positivo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade