Publicador de contidos
Publicador de contidos

Rueda reivindica a moderación ao tomar posesión como "servidor de Galicia"

Rueda reivindica a moderación ao tomar posesión como "servidor de Galicia"

Durante a súa intervención, emocionouse ao lembrar o seu pai e facer referencia á súa familia

Comprometeuse a defender o "estilo Galicia" que, segundo dixo, se basea en fuxir dos extremismos e na estabilidade

G24.gal 13/04/2024 12:40 Última actualización 13/04/2024 22:02

Alfonso Rueda tomou posesión do seu cargo como presidente da Xunta, o sexto da autonomía, pero sobre todo como "primeiro servidor de Galicia", segundo afirmou no acto celebrado no parque de San Domingos de Bonaval, en Santiago, ante un milleiro de persoas convidadas.

Elixido por maioría absoluta o pasado xoves no Parlamento de Galicia, xurou "observar e facer cumprir a Constitución e o Estatuto de Autonomía, así como as demais leis de Galicia e do Estado, e exercitar as miñas funcións no interese supremo e exclusivo de Galicia e de España".

Antes da toma de posesión, fixo unha ofrenda floral, unhas rosas brancas cun toque de flores azuis, xunto aos expresidentes da Xunta Alberto Núñez Feijóo, Emilio Pérez Touriño e Fernando González Laxe, na tumba de Castelao no Panteón de Galegas e Galegos Ilustres.

Durante a súa intervención, emocionouse ao lembrar o seu pai e ao facer referencia á súa familia, tras dicir que ninguén vai topar nel "nin artificios nin disfraces". 

Comprometeuse a defender o "estilo Galicia", que segundo dixo se basea na "moderación, fuxir dos extremismos, e a estabilidade", polo que vai traballar "defendendo o noso, nunca pasando por diante de ninguén, pero tampouco permitindo que quedemos atrás".

Cambiou do idioma galego ao castelán para afirmar que "Galicia aspira a todo" pero sempre co resto de comunidades autónomas. De feito, advertiu que estará fronte aqueles que queiran "romper" España, pero será un "aliado" dos que queiran que o país avance "da man".

Rueda asegurou asumir o cargo dende a "humildade e a vocación de servizo", pero tamén con "responsabilidade e ilusión". 

"Tomo posesión como primeiro servidor de Galicia. Fágoo para achegar o meu modesto gran de area á gran tarefa que outros iniciaron e outros continuarán", proclamou, tras xurar sobre o Estatuto de Autonomía e cunha Biblia ao lado.

Ao comezo do seu discurso, citou as verbas de todos e cada un dos presidentes da Xunta que lle precederon, desde Xerardo Fernández Albor, que xurou o cargo neste mesmo enclave no 1982, a Manuel Fraga, Fernando González Laxe, Emilio Pérez Touriño e Alberto Núñez Feijóo.

Segundo dixo, todos "fixeron de Galicia a súa causa principal", e agradeceulles que a comunidade chegara a estar onde está cando hai anos o autogoberno non era máis ca "un soño irrealizable" que agora se fixo realidade polo conseguido "todos xuntos".

Apoio de Feijóo

Ao finalizar o seu xuramento Rueda recibiu a felicitación pública de todos os presidentes autonómicos asistentes, os de Castela e León, Murcia, Aragón e Asturias, que destacaron a súa actitude colaboradora e o seu ton moderado.

Tamén do seu predecesor, Alberto Núñez Feijóo, que dixo sentirse "orgulloso" e puxo a Galicia como "modelo de gobernanza" para España.

A líder da oposición, Ana Pontón, tendeulle a man do BNG nesta nova andaina e o voceiro do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, desexou que a nova lexislatura se caracterice pola ambición e o diálogo.

Pola súa banda, Óscar Puente, como representante do Goberno garantiulle ao novo presidente galego "lealdade institucional" e "toda a colaboración posible" para o seu novo mandato.

Tras a toma de posesión, está previsto que este domingo Alfonso Rueda anuncie a composición do seu novo Goberno.

Apoio da familia

En primeira fila, seguindo este acto, estaban a súa nai, a súa muller e a súas dúas fillas... e nada máis baixar do escenario recibía delas as primeiras apertas.

A esas catro mulleres referiuse o presidente da Xunta na súa intervención. Rueda asegurou que son catro piares familiares que sustentan a súa vida política.

Neste día sinalado as súas fillas foron as encargadas de facerlle o nó da gravata. Marta e Beatriz amosaban o seu orgullo polo labor que desempeña como pai e como presidente.

O presidente da Xunta tamén tivo lembranzas para o seu pai, xa falecido, que sempre lle recomendou que non se metese en política. Pero que, segundo dixo Rueda, hoxe estaría orgulloso do lugar que ocupa. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade