Rusia empeza a atacar obxectivos no oeste de Ucraína
Rusia empeza a atacar obxectivos no oeste de Ucraína
Esta madrugada bombardeou a cidade de Lutsk, próxima a Polonia
As Nacións Unidas aseguran que Rusia empregou bombas de acio
ACNUR cifra en máis de 2,5 millóns os refuxiados que deixaron Ucraína e en 2 millóns os desprazados internos
Os bombardeos rusos contra as cidades ucraínas continuaron este venres no décimo sexto día de invasión, alcanzando lugares que ata o de agora non foran obxectivo dos ataques.
Varias explosións escoitáronse esta madrugada na cidade de Lutsk, no noroeste de Ucraína e moi preto da fronteira con Polonia, segundo informou o seu alcalde, Igor Polischuk, que pediu aos habitantes acudir rapidamente aos refuxios.
"Explosións preto do aeródromo. Todos ao refuxio!", dixo a través de Facebook o alcalde, que pediu aos veciños que non publicasen fotos nin direccións nin establecesen coordenadas, no que podería ser o primeiro ataque ruso contra esta cidade, na rexión de Volonia, preto da fronteira con Polonia e veciña tamén de Leópolis.
Segundo fontes da cadea ucraína ICTV, o obxectivo do ataque puido ser o aeródromo da cidade e unha fábrica próxima. A cadea informou ademais de tres ataques aéreos en Dnipró, no centro sur do país. Segundo esta canle de televisión, os proxectís caeron preto dun xardín de infancia, nun edificio de apartamentos e nunha fábrica de zapatos.
Esta é a primeira vez que estas dúas cidades sofren ataques desde que hai dezaseis días comezou a invasión rusa de Ucraína.
Voluntarios de Oriente Medio para loitar con Rusia
Rusia está disposta a utilizar voluntarios dos países de Oriente Medio na invasión de Ucraína, sobre todo nas operacións que leva a cabo na rexión do Donbás, dixo o presidente ruso, Vladimir Putin.
Nunha reunión do Consello de Seguridade ruso, Putin dixo, citado polas axencias rusas, que "hai persoas que queren vir e axudar a quen vive no Donbas de forma voluntaria", ao que o ministro de Defensa, Sergei Shoigu, respondeu que xa hai "dezaseis mil persoas dos países de Oriente Medio dispostos a axudar á xente" dese territorio ucraíno.
A contorna da capital do país segue sitiada polos rusos. Kíiv é unha das cinco cidades dende as que hoxe se abrirán corredores humanitarios. Rusia ponlles condicións: os vehículos dos convois deberán estar plenamente identificados. O presidente ucraíno dixo que o xoves evacuaran case 40.000 persoas, gran parte delas na zona norte.
Non houbo saídas desde Mariupol, a cidade continúa bloqueada, sen servizos básicos. A Cruz Vermella alerta dunha situación desesperada, con xente loitando por comida e combustible e enfermando polo frío.
O regulador internacional da enerxía atómica advirte da degradación da situación nas centrais tomadas polo exército invasor. A Zaporijia non dan chegado pezas de reposto nin equipos para reparacións planificadas. De Chernóbil non hai información actualizada, e advirten de que empeora a seguridade.
Armas químicas e sospeitas de uso de munición prohibida
A sospeita das armas químicas será discutida este venres pola ONU nun encontro extraordinario do Consello de Seguridade solicitado por Rusia, que acusa os Estados Unidos de actividades militares biolóxicas sobre o terreo. Previamente, na Casa Branca advertiran de que era Rusia quen podería estar a preparar ataques deste tipo, químicos ou biolóxicos. Este aviso xa o deron outros países e fontes da OTAN.
Ao mesmo tempo, a Oficina de Dereitos Humanos da ONU asegura que recibiu "información crible" de que Rusia usou varias veces, nas dúas semanas transcorridas desde que invadiu Ucraína, municións de acio, un tipo de armamento prohibido polo seu impacto indiscriminado entre os civís.
O uso desas bombas produciuse "mesmo en zonas poboadas", dixo a portavoz do organismo, Liz Throssell, quen detallou que o 24 de febreiro unha bomba de acio explotou no hospital principal de Vuhledar, situado na parte de Donetsk baixo control gobernamental e onde morreron catro civís e unha decena resultaron feridos.
"Houbo outros ataques con bombas de acio en varios distritos de Khárkiv, nos que nove civís morreron e 37 foron feridos", continuou a portavoz.
Un tratado internacional que prohibe o uso, desenvolvemento, fabricación, adquisición e almacenamento de bombas de acio está en vigor desde 2010. Rusia, do mesmo xeito que os Estados Unidos ou China, non están entre os adherentes a este tratado, do que Ucraína tampouco é parte.
2,5 millóns de refuxiados e 2 millóns de desprazados internos
O conflito xa provocou ata esta data a fuxida de máis 2,5 millóns de refuxiados e o desprazamento forzoso dentro do país de polo menos outros 2 millóns de habitantes, segundo a Axencia das Nacións Unidas para os Refuxiados (ACNUR).
As avaliacións das principais organizacións humanitarias indican que 12,6 millóns de persoas en Ucraína foron directamente afectadas pola invasión e a ofensiva militar de Rusia.