Rusia confirma coas análises xenéticas a morte de Prigozhin no avión accidentado
Rusia confirma coas análises xenéticas a morte de Prigozhin no avión accidentado
Os investigadores identifican aos falecidos como os integrantes da listaxe publicada o día do incidente
Co líder de Wagner ían outras nove persoas, entre elas Dimitri Utkin, outro dos homes fortes do grupo
O Comité de Investigación de Rusia finalizou este domingo a súa investigación tras o accidente de avión na rexión de Tver no que viaxaba o xefe do grupo Wagner, Ievgeni Prigozhin, e confirmou a súa morte a través dunha proba de ADN.
"No marco da investigación do accidente aéreo na rexión de Tver, completáronse os exames xenéticos moleculares. A partir dos seus resultados, establecéronse as identidades dos dez falecidos, que corresponden á lista que figura na folla de voo", indicou nun comunicado recollido pola axencia de noticias TASS.
Prigozhin morreu nun accidente de avión na rexión rusa de Tver. Canda el viaxaban outras nove persoas, entre elas Dimitri Utkin, outro dos homes fortes do grupo Wagner. O Kremlin negou calquera implicación na caída do avión.
O xefe de grupo Wagner perdeu a vida exactamente dous meses despois de que os seus mercenarios lanzaran unha rebelión sen precedentes contra a cúpula militar rusa, que se saldou cun paso atrás de Prigozhin e o traslado destes efectivos a Belarús.