Publicador de contidos
Publicador de contidos

Rusia descarta unha investigación internacional do sinistro do avión en que ía Prigozhin

Rusia descarta unha investigación internacional do sinistro do avión en que ía Prigozhin

A oposición rusa no exilio e medios internacionais responsabilizan a Putin da morte do xefe de Wagner

G24.gal 30/08/2023 16:54

O Kremlin descartou este mércores a posibilidade da participación de institucións internacionais na investigación do sinistro do avión no que viaxaba o xefe do grupo de mercenarios Wagner, Yevgueni Prigozhin, xa que non se descarta que fose un atentado.

"As investigacións están a cargo do Comité de Instrución de Rusia, o presidente Putin xa se referiu a isto. Por iso, neste caso non existe a posibilidade dunha investigación internacional", declarou en conferencia de prensa o portavoz da Presidencia rusa, Dmitri Peskov.

Segundo o representante do Kremlin, "existen diversas versións, entre as cales está un acto premeditado malintencionado", polo cal a investigación non se levará a cabo do mesmo xeito que se fose un simple accidente aéreo. "Esperemos os resultados da investigación", engadiu.

Este mércores o diario dixital independente Meduza informou, sen revelar as súas fontes, de que o Comité Interestatal de Aviación, entidade con sede en Moscova que investiga incidentes e accidentes na Comunidade de Estados Independentes (CEI), non investigará este suceso acorde coas normas internacionais.

Posteriormente, o Comité Interestatal de Aviación emitiu unha nota informativa breve en que asegurou que non investiga o sinistro, sen dar máis detalles, e negouse a comentar "as circunstancias do suceso".

Segundo medios internacionais, o Centro de Investigación e Prevención de Accidentes Aeronáuticos de Brasil (Cenipa) e a Empresa Brasileira de Aeronáutica (EMBRAER), fabricante da  aeronave sinistrada, expresaron a súa disposición para participar na investigación do sinistro.

O avión Embraer en que viaxaba Prigozhin xunto outros nove membros do grupo de mercenarios rusos Wagner, esnafrouse hai unha semana na rexión de Tver mentres se dirixía de Moscova a San Petersburgo.

Ata o momento non se deu ningunha información oficial sobre as causas do sinistro, pero entre as principais versións atópase o estoupido dunha bomba a bordo.

Algúns partidarios de Prigozhin, a oposición rusa no exilio e medios internacionais responsabilizan a Putin da morte do xefe de Wagner, que se sublevou facía dous meses contra o Kremlin.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade