Rusia e Ucraína empezan as negociacións sen que se deteñan os combates
Rusia e Ucraína empezan as negociacións sen que se deteñan os combates
Ucraína aspira a lograr un cesamento o fogo inmediato e que a continuación Rusia se retire do seu territorio
O Kremlin quere que Kiev adopte un status neutral respecto da OTAN
Putin comprométese con Macron a respectar os civís en Ucraína
As delegacións rusa e ucraína comezaron hoxe as negociacións en Gómel, na fronteira ucraíno- bielorrusa, en que Kiev tentará lograr un cesamento do fogo por parte de Rusia tras cinco días de guerra, segundo transmite en directo a axencia oficial bielorrusa BELTA.
O ministro de Exteriores de Belarús, Vladímir Makéi, saudou ás delegacións, ás que trasladou o desexo do presidente do seu país, Alexandr Lukashenko, de que durante as negociacións sexa posible atopar formas de resolver "os problemas".
"Poden sentirse completamente seguros. Este é o noso deber sacro", sinalou Makéi.
O tema clave das conversacións para a parte ucraína é lograr un cesamento do fogo inmediato na guerra que lanzou Rusia fai cinco días en Ucraína e a retirada das tropas do seu territorio, en tanto que para Rusia é importante abordar a posibilidade de que o país veciño adopte un status neutral con respecto á OTAN.
O presidente ucraíno, Volodímir Zelenski, instou horas antes nunha mensaxe en vídeo -no que se dirixiu aos soldados rusos- a abandonar Ucraína e depoñer as armas. Unha mensaxe na que tamén solicitou a adhesión inmediata de Ucraína á UE.
Rusia afirmou que as negociacións non implican que deteña a ofensiva. O portavoz do Kremlin, Dmitri Peksov, afirmou na súa conferencia de prensa telefónica diaria que non quere comentar as perspectivas dun acordo na cita, e urxiu a todos a deixar que os negociadores traballen sen ruído desde o exterior.
"En realidade, suxiro que esperemos ás conversacións. Prefiro non anunciar ningunha esixencia (nosa). As negociacións deben levar a cabo en silencio", dixo.
Os responsables ucraínos accederon finalmente a viaxar a Belarús, aínda que non a Minsk como propuxera inicialmente Rusia, dado que consideran que Lukashenko, non é neutral ao acoller a máis de 30.000 soldados rusos e equipamento militar para uns exercicios conxuntos que serviron a Moscova para cruzar a fronteira sur dese país para atacar a Ucraína.
Foi en Minsk onde se asinaron os Acordos de Paz para o Donbás en 2015, pactos que pola guerra quedaron en papel mollado e que, en opinión de Moscova, en oito anos non se implantaron por parte de Kiev.
Ucraína aceptou empezar negociacións sen expectativas, aínda que segundo dixo o Goberno, logrou que estas se celebren "sen condicións", despois de que o Kremlin lle esixise depoñer antes as armas, sempre segundo a versión de Kiev.
Putin comprométese con Macron a respectar os civís
O presidente ruso, Vladímir Putin, comprometeuse este luns co francés, Emmanuel Macron, a suspender os ataques contra a poboación ucraína, as vivendas e as infraestruturas civís.
Macron chamou hoxe a Putin, a petición de Zelenski, ao que formulou estas peticións, así como que se garanta a seguridade das estradas, especialmente a do sur de Kiev, informou un comunicado do Elíseo. "
Putin confirmou a súa vontade de comprometerse nestes tres puntos". Nunha conversación que se estendeu durante unha hora e media, Macron insistiu a Putin na "necesidade de impoñer un cesamento do fogo inmediato". Ademais, o presidente francés pediu ao líder ruso o respecto do dereito internacional humanitario e a protección da chegada de axuda humanitaria.
Seguen os combates a pesar das negociacións
As explosións volveron escoitarse en varias cidades ucraínas, que intentan resistir no quinto día de ofensiva das tropas rusas. Pero a capital recupera unha certa normalidade tras un toque de recollida de 39 horas. "Pasei dous dúas na estación de metro", di unha moza, "onde a xente intenta apoiarse". "O mundo esta con nós porque fomos atacados", di outro home.
Moitos cidadáns abastécense para afrontar unha posible ofensiva sobre Kiev, cara a onde se dirixe un convoi de centos de tanques rusos. Nos enfrontamentos faleceron polo menos 350 ucraínos, segundo o seu goberno. Nacións Unidas fala dun cento de vítimas. Rusia tamén admite por primeira vez baixas, pero sen dar cifras.
O asedio ruso mantense principalmente en catro frontes. Con escasos avances sobre a capital, que resiste ante os ataques. As tropas rusas xa están en Járkov, a segunda cidade ucraína, estratéxica para tomar o Donbás. Rusia afirma que tomou dúas cidades do sur do país, así como a planta nuclear de Zaprozhia, algo que desmente o Goberno de Zelenski.
O presidente de Ucraína di que as próximas 24 horas serán cruciais, malia que se amosa escéptico ante as negociacións con Moscova, en Belarús.
Protestas en Rusia
Malia a represión, hai cidadáns rusos que saíron á rúa protestar contra a guerra. Unha acción que o Goberno reprime con dureza.
Nas protestas convocadas este domingo en medio cento de cidades rusas foron detidas máis de 2.600 persoas, segundo algunhas organizacións de dereitos humanos. Estas organizacións estiman que desde o comezo da invasión son preto de 6.000 os pacifistas rusos arrestados.