Os EUA e Rusia abren a vía diplomática para evitar o choque en Ucraína
Os EUA e Rusia abren a vía diplomática para evitar o choque en Ucraína
O Kremlin nega que planee invadir a exrrepública soviética e Washington pídelle que retire as tropas da fronteira
A situación na fronteira continúa sendo prebélica
Os Estados Unidos e Rusia abren a vía diplomática para evitar o choque en Ucraína. As tropas rusas seguen despregadas na fronteira, pero o Kremlin asegura que non ten intención de iniciar unha guerra. Ambas partes comprométense a rebaixar a tensión, pero poñen as súas condicións.
A xuntanza entre o secretario de Estado norteamericano e o ministro de Exteriores ruso en Xenebra non despexou de todo a ameaza militar, pero abriu a porta á vía do diálogo.
O Goberno ruso asegura que non planea invadir a exrrepública soviética, pero fai unha clara advertencia. Ao Kremlin non lle gusta que a OTAN se expanda cara ás súas fronteiras.
Os Estados Unidos advirten que se Rusia elixe o camiño do conflito a resposta será severa e conxunta de todos os países aliados. E como primeiro xesto, ínstaa a que retire as tropas da fronteira, onde o escenario continúa sendo prebélico.
As forzas armadas rusas teñen despregados máis de 100.000 soldados en distintos puntos, e enviaron tropas a Bielorrusia e frotas rumbo ao Mediterráneo. Tamén o exército de Ucraína exhibe músculo con centos de soldados facendo manobras militares preto da fronteira.
Europa teme que se dispare o prezo do gas se hai guerra
Preto dun terzo do gas natural que consume a Unión Europea chega de Rusia e a dependencia é moito maior nos socios de centro e do leste. Alemaña, Austria ou Romanía son grandes consumidores do gas ruso.
E Moscova podería cortar parte da subministración como represalia a unha resposta da OTAN ás súas inxerencias en Ucraína. Ademais, en Bruxelas tamén se estuda impor sancións ao gas ruso ou ás súas empresas enerxéticas.
Estes escenarios estiveron enriba da mesa na reunión deste venres entre os ministros de Enerxía e Medioambiente da UE. Porque encarecerían o prezo do hidrocarburo por riba dos máximos vividos antes do Nadal.
España estaría máis a salvo que outros socios comunitarios, xa que importa principalmente o gas de Alxeria. Pero aínda así, a vicepresidenta para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, recoñeceu que un conflito bélico en Ucraína ou as sancións enerxéticas a Rusia tamén rematarían afectando a España.