Rusia rexistra 1.106 falecidos por covid-19, novo máximo diario
Rusia rexistra 1.106 falecidos por covid-19, novo máximo diario
No mesmo día foron detectados 36.446 novos contaxios
Rusia rexistrou na pasada xornada 1.106 mortes por covid-19, novo máximo diario desde o comezo da pandemia, e foron diagnosticados 36.446 novos contaxios, segundo informaron as autoridades sanitarias do país. Do total de novos casos, 2.907 (o 8 %) son pacientes asintomáticos.
Moscova notificou o maior número de falecidos na última xornada, 86, novo máximo diario na cidade, seguida de San Petersburgo (75) e a rexión de Krasnodar (40).
A capital rusa engadiu ás súas estatísticas o maior número de contaxios rexistrados nas últimas vinte e catro horas (6.074), por diante da rexión de Moscova (2.930) e San Petersburgo (2.735).
Desde o inicio da pandemia, 232.775 persoas faleceron por coronavirus en Rusia, aínda que os datos oficiais sobre exceso de mortes no mesmo período triplican esta cifra.
Quinto país do mundo con máis casos
Rusia acumula un total 8.316.019 casos de covid-19 desde o inicio da pandemia.
Ante o empeoramento da situación epidémica, as autoridades rusas decretaron unha semana de días non laborables do 30 de outubro ao 7 de novembro, que poden adiantarse ou estenderse por decisión das autoridades das entidades federadas.
Segundo datos oficiais, en Rusia vacináronse 49,2 millóns de persoas coa pauta completa e 4,3 millóns recibiron só o primeiro compoñente das vacinas bidose de fabricación nacional que se empregan no país.
Rusia é o quinto país do mundo con máis casos de covid-19, por detrás dos Estados Unidos, A India, O Brasil e o Reino Unido.