Sálvalle a vida a unha moza arrastrada pola corrente nunha praia de Valdoviño
Sálvalle a vida a unha moza arrastrada pola corrente nunha praia de Valdoviño
O xeneroso acto de Marcos Piñón levouno a estar dous días hospitalizado
Xa recuperado do susto e de volta ao seu posto de traballo, Marcos Piñón ten gravado na súa retina como rematou a tarde da que prometía ser unha tranquila e familiar xornada de praia.
Lembra que estaba na beira da mar e que viu unha moza que nadaba dun xeito estraño. En cuestión de segundos, xa estaba metido na auga na súa procura.
"Díxenlle que estivese tranquila que iamos saír os dous. Pero cando ela viu que eu non podía, agarrouse a min e foi o peor que puido facer porque apagou un dos motores da lancha", asegura Marcos.
Neses momentos de angustia, grazas ás súas indicacións, lograron chegar os dous á area. "Berreille ao meu cuñado que estaba na area para que me axudase porque era imposible facer unha cadea humana. El agarroume a min e coa outra man a rapaza", explica Marcos.
No mesmo lugar dos feitos, foron atendidos polos 061 que, finalmente os trasladou ao centro de saúde. A moza recibiu a alta médica tres horas despois. Porén Marcos estivo dous días hospitalizado e 24 horas con osíxeno.
"Cando cheguei á casa tiven que escoitar a rifa da miña nai e da miña irmá. Pero o meu sangue, en situacións así, non me permite quedar mirando", di Marcos.
E por iso ten claro que, de repetirse a escena, actuaría, sen dubidalo, de igual xeito.