Sánchez asegura que haberá Goberno progresista outros catro anos máis
Sánchez asegura que haberá Goberno progresista outros catro anos máis
O presidente do Goberno di que España bocexa coa perda de tempo de Feijóo
Participou en Oroso na XII Festa Socialista de Galicia
Pedro Sánchez participou esta mañá na XII Festa Socialista de Galicia. As negociacións para a investidura do próximo presidente do Goberno centraron os discursos dos líderes socialistas.
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, agradeceulle a Pedro Sánchez a aprobación do uso do galego no Congreso, e os intentos de estendelo á Unión Europea.
Tamén criticou o presidente da Xunta por opoñerse á medida, e por estar máis pendente, dixo, das ordes que chegan de Madrid que dos intereses dos galegos. Formoso mostrou o apoio dos socialistas galegos á investidura de Sánchez.
"Somos felipistas, somos guerristas, somos zapateristas e somos pedristas, pero sobre todo, somos socialistas, e por iso Pedro, fai o que teñas que facer".
O presidente do Goberno en funcións cre que Núñez Feijóo se presenta á investidura para ser xefe da oposición.
"Que España non rompe, non se afunde, España bocexa perante a descomunal perda de tempo da investidura do señor Feijóo e a súa mentira".
Sánchez criticou o acto convocado polo PP o día 24 en Madrid e reiterou que buscará os votos baixo as pedras para consolidar os avances da última lexislatura.
"Poderán dicir o que queiran pero que a xente progresista non o esqueza, o único que queren o PP e a ultradereita é que non goberne o PSOE a partir da investidura, pero síntoo moito, os españois falaron e haberá un goberno progresista, claro que o vai haber!".