Publicador de contidos
Publicador de contidos

Sánchez comparecerá no Congreso o 22 de maio para dar explicacións sobre a súa muller

Sánchez comparecerá no Congreso o 22 de maio para dar explicacións sobre a súa muller

O PSOE asegura que non ten "nada que ocultar, e o presidente do Goberno, menos"

O líder do PP insta os seus baróns territoriais a mobilizarse de cara as eleccións europeas

G24.gal 14/05/2024 12:56 Última actualización 14/05/2024 15:29

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, comparecerá no pleno do Congreso o vindeiro mércores, 22 de maio, para explicar os negocios da súa muller, Begoña Gómez, e contestar as acusacións do PP sobre un posible conflito de intereses.

Aprobouno a Xunta de Portavoces, reunida este martes no Congreso, que aceptou a proposta de Sánchez de comparecer na cámara baixa para dar conta dos últimos consellos europeos e doutros asuntos como as relacións con Xibraltar e o recoñecemento de Palestina.

A comparecencia de Sánchez a próxima semana prodúcese despois de que o PP lle solicitara en varias ocasións que explicase os negocios da súa muller co grupo Globalia e as supostas relacións de Begoña Gómez co rescate público de empresas como Air Europa. 

"Non temos nada que ocultar, e o presidente do Goberno, menos", recalcou o portavoz do PSOE no Congreso, Patxi López, na conferencia de prensa na que anunciou que Sánchez acode ao Congreso para responder tamén a petición do PP para explicar a súa última xira por Polonia, Noruega e Irlanda co fin de atopar apoio europeo ao recoñecemento do Estado palestino.

"E para que falen do que segundo eles ten que ver cun conflito de intereses que din que afecta o partido e á contorna do presidente do Goberno", sinalou tamén. Desta forma, Sánchez acudirá ao Congreso case un mes despois de que decidise tomarse cinco días de reflexión para decidir se continuaba á fronte do Executivo ante o que considera unha campaña de acoso e derriba contra el e contra a súa esposa.

Unha noticia que se coñeceu o día en que un xulgado de Madrid abriu dilixencias de investigación contra Begoña Gómez pola suposta comisión de delitos de tráfico de influencias e corrupción nos negocios tras unha denuncia de Manos Limpias. Despois de que Sánchez decidise continuar como presidente do Goberno e instar a unha "rexeneración democrática" o PP tamén lle pediu explicacións no Congreso.

A semana pasada Sánchez solicitara comparecer a petición propia para dar conta da última reunión extraordinaria do Consello europeo e do acordo de España con Xibraltar, con todo acumuláronse todas as peticións pendentes que foron apoiadas polo PSOE e o resto de socios parlamentarios.

O portavoz do PSOE na cámara baixa instou os populares a moderar o seu discurso neste próximo debate e a virar cara a unha intervención "construtiva" aínda que dixo que "non espera moito". "Calquera cousa da súa estratexia política lamentable. Eu cría que vivía nun país que había que demostrar con probas a culpabilidade e non a inocencia", puntualizou López.

O Goberno defende a súa estabilidade, fronte ás críticas da oposición e o panorama complexo tras as eleccións en Cataluña. Segundo Pilar Alegría,  voceira do executivo, "España nin afunde nin rompe (...). A esta lexislatura quédanlle tres anos, como pouco".

Pero o socio da coalición, Sumar, insta o PSOE a traballar máis. Yolanda Díaz quere que a comisión de seguimento do pacto de Goberno se reúna de inmediato. Yolanda Díaz, vicepresidenta segunda, asegurou nunha entrevista en RNE que "non hai malestar en absoluto, o que hai é demasiadas eleccións".

Para Podemos, as relacións na coalición demostran a necesidade dunha "esquerda transformadora que poida volver competir co PSOE, non que se supedite ao PSOE", en palabras do seu voceiro no Congreso, Javier Sánchez Serna.

Pola súa banda, o PP mobiliza xa o seu aparato con vistas ás eleccións europeas do 9 de xuño. Alberto Núñez Feijóo reuniu este martes en Génova todos os seus baróns, aos que lle pediu "unha mobilización de máximos". O presidente dos populares quere "mandar unha mensaxe en Europa contra os abusos de Sánchez".

O CIS acaba de publicar o seu barómetro de maio. De haber eleccións xerais, o PSOE gañaría os comicios con cinco puntos de vantaxe sobre o PP.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade