Publicador de contidos
Publicador de contidos

Sánchez e Feijóo debaterán no Senado sobre o aforro enerxético

Sánchez e Feijóo debaterán no Senado sobre o aforro enerxético

O Goberno anuncia que Sánchez comparecerá nun pleno monográfico tras a petición de Feijóo de debater a crise enerxética na cámara alta

Desde o PP denuncian o feito de que Sánchez só explique no Senado "un decreto xa validado no Congreso", o que evidencia, segundo din, a súa falta de interese en debater con  Feijóo de política xeral

Sánchez e Feijóo coincidirán de novo no Senado (EFE Fernando Alvarado)
G24.gal 30/08/2022 12:05 Última actualización 30/08/2022 13:32

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, comparecerá no Senado a petición propia para informar achega do plan de aforro enerxético provocado pola guerra en Ucraína e sobre o seu impacto territorial e social, segundo anunciou a portavoz do Executivo, Isabel Rodríguez. 

O Goberno anunciou que vai rexistrar esta petición de comparecencia, que se produce despois de que o pasado sábado o líder da oposición, Alberto Núñez Feijóo, emprazara o xefe do Executivo para debater na cámara alta as medidas para aforrar enerxía.

A comparecencia de Sánchez non será un cara a cara exclusivo con Alberto Núñez Feijóo, pero si lle permitirá intervir como senador xunto aos portavoces dos demais grupos parlamentarios da cámara alta. 

Na conferencia de prensa posterior ao Consello de Ministros a portavoz de Goberno explicou que o debate, que pretenden "sereno, construtivo e propositivo", persegue enfrontar modelos e proxectos ante o reto na enerxía, marcado pola ameaza de que Rusia corte a subministración de gas a Europa.

"O Goberno ten claro cal é o seu modelo ante estas ameazas, imos traballar para que esta crise non a paguen os de sempre", recalcou Rodríguez, facendo referencia á protección de familias, empresas e traballadores. 

A comparecencia non contentou o PP. Fontes deste partido trasladan que o feito de que Sánchez só explique no Senado "un decreto xa validado no Congreso evidencia a súa falta de interese en debater con Alberto Núñez Feijóo de política xeral".

Denuncia o PP que "Sánchez fala do que el quere, non do que á cidadanía lle preocupa" e destaca que Sánchez está "a tempo de rectificar e comparecer para falar das incertezas económicas e sociais que afectan a este país, e non só de enerxía".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade