Publicador de contidos
Publicador de contidos

Sánchez acepta unha reunión con Aragonès para falar da espionaxe

Sánchez acepta unha reunión con Aragonès para falar da espionaxe

O presidente da Generalitat solicitáralle ao presidente do Goberno unha xuntanza "cara a cara" para afrontar este caso

Sánchez subliña ante Aragonès o seu "respecto institucional" e aposta de diálogo

Aragonès afirma que "a confianza no Goberno está rota, está a cero"

Sánchez e Aragonès saúdanse antes de comezar o acto no Cercle d'Economia (EFE/Quique García)
G24.gal 06/05/2022 08:18 Última actualización 06/05/2022 15:18

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, aceptou manter unha próxima reunión co presidente da Generalitat, Pere Aragonès, ante a polémica pola espionaxe a dirixentes independentistas porque considerou que é necesario resolver a situación.

Así llo trasladou Sánchez a Aragonès na conversa que mantiveron en Barcelona ao coincidir ambos os na clausura das xornadas do Cercle d' Economia.

Fontes do Goberno informaron de que nesa charla, de dous minutos e medio, o xefe do Executivo insistiu en que debe resolverse a situación e hai que pensar nos cidadáns cataláns.

Ademais, confirman que se emprazaron a manter proximamente unha reunión, sen data aínda, tal e como lle pedía de forma reiterada Aragonés. 

De feito, foi o primeiro que transcendera dese breve encontro: que o presidente da Generalitat lle trasladara a Pedro Sánchez a necesidade de verse "cara a cara" para falar da espionaxe a través do sistema Pegasus, un asunto que considera "moi grave", e tras coñecerse que o CNI espiou a Aragonès con autorización xudicial.

O encontro produciuse na entrada do hotel W Barcelona, onde este venres conclúe a XXXVII Reunión do Cercle d'Economia. Foi á chegada de Sánchez. Alí xa estaban Aragonès e outras autoridades. A conversa prolongouse mentres esperaban a chegada da presidenta da Comisión Europea, Ursula Von der Leyen.

Intervención de Sánchez: "aposta polo diálogo"

Xa no propio acto do Cercle d'Economía Pedro Sánchez subliñou o seu "respecto institucional" e ratificou a aposta do Executivo central "polo diálogo, a negociación e o acordo" como vía para "construír convivencia" na sociedade.

Posteriormente ao saúdo con Aragonès, ante un auditorio repleto de empresarios cataláns e en presenza de Ursula Von der Leyen, Sánchez dirixiuse directamente a Aragonès.

"Querería comezar cunha declaración de intencións. Querería manifestar, querido president, o meu profundo respecto por Cataluña; o meu respecto e consideración cara á súa sociedade e cara ás súas institucións, e a miña firme vontade de seguir avanzando no diálogo, a negociación e o acordo".

"Non hai propósito máis nobre -continuou-, meta que mereza máis a pena para calquera responsable político, crea no que crea e represente as ideoloxías que represente, que construír convivencia para que os nosos cidadáns, nun momento tan especial e complexo como o que están a vivir, vivan en sociedades sen rupturas".

"A confianza co Goberno está a cero"

Antes de producirse este encontro, o presidente da Generalitat afirmaba que "a confianza co Goberno do Estado está rota, está a cero" e que se "quere reconstruíla é imprescindible actuar con transparencia e asumir responsabilidades" polo caso da espionaxe política.

En declaracións a Catalunya Ràdio, Aragonès dixo que a xestión do asunto da espionaxe "non só non mellora co paso dos días, senón que se agrava", e considerou "absolutamente imprescindible que se desclasifique a autorización xudicial", que este xoves transcendeu que existía, para actuar ante algunhas das persoas espiadas, entre elas el mesmo.

"Esixo coñecer que maxistrado o autorizou e poder coñecer os motivos que levan a espiar un responsable político" porque "nunha democracia non se espía os dirixentes doutros partidos", indicou. "Estamos nunha situación de degradación de relacións como non se deu desde hai moito tempo", engadiu. 

Antes de que o encontro desta mañá se producise, Aragonés dicía que "non é cuestión dunha foto ou dun encontro fugaz duns minutos", antes de admitir, con todo, que el pediu días atrás unha reunión e que está pendente de que se produza.

Sobre a súa petición de que o Goberno asuma responsabilidades, o presidente da Generalitat reiterou a súa opinión de que a ministra de Defensa, Margarita Robles "está incapacitada para seguir no seu cargo", como máxima responsable do CNI, xa que este organismo depende do seu ministerio.

Segundo o que transcendeu da reunión de onte na comisión de segredos oficiais do Congreso, "sabemos -dixo- que o CNI pode actuar descontrolodamente, e é evidente que se teñen que tomar medidas, porque en ningún lugar do mundo os servizos de intelixencia actúan pola súa conta".

Sobre a mesa de diálogo entre gobernos, Aragonès confirmou que quedou conxelada, pero que isto non significa que desaparecese: "Hai moitos que querían dala por morta por cada cousa que pasa, pero a min non me expulsarán da procura dunha solución negociada (...) Non lles farei o agasallo de levantarnos da mesa", dixo.

Pero dende Moncloa insisten: o Goberno non deu a orde nin sabía que o estaban espiando. 

Estes argumentos non convencen a todos, tampouco ao exvicepresidente Pablo Iglesias. Na súa opinión, "que os servizos de intelixencia estean actuando sen que o coñeza a máxima responsable, a ministra de Defensa (...) ninguén pode crelo".

O que tamén fora líder de Podemos cre que é "evidente" que existe "un enfrontamento entre Margarita Robles e Pedro Sánchez".

Tamén o líder do Partido Popular fala de enfrontamento dentro do propio Goberno. Para Alberto Núñez Feijóo, "España leva demasiados anos no medio dun clima en que reina, basicamente, o conflito e a trincheira".

O presidente do PP amousouse "preocupado" porque "as tensións partidistas percíbense tamén agora no seo do actual goberno central".

A confirmación da espionaxe agrave a crise

A explicacións da directora do CNI no Congreso agravaron a crise entre os partidos cataláns e o Goberno. Acreditou a espionaxe con autorización xudicial a 18 independentistas, entre eles o presidente catalán. Os afectados cren que isto confirma e aumenta a gravidade do caso. 

Aragonès respondeu cun comunicado onde pide unha resposta ao máis alto nivel: desclasificar a autorización xudicial para que se saiba quen deu a orde política de espialo, e insiste en pedir dimisións. 

Preocupación tamén en Unidas Podemos despois de escoitar a directora do CNI. Piden que se desclasifiquen os documentos que achegou para coñecer as causas da espionaxe.

En Moncloa aseguran que o Goberno non ordenou a espionaxe nin sabía que se producira.  Que é directamente o CNI o que pide autorización ao Supremo. O ministro da Presidencia explicou que todo o executivo traballa en bloque para coidar as institucións e rebaixa o choque coa ministra de Defensa despois de que Robles sinalara que a seguridade dos móbiles non depende do seu departamento. E están sopesando se desclasifican os documentos do CNI para tentar reconducir as relacións con Esquerra. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade