Sánchez e Feijóo converten Doñana en campo de batalla electoral
Sánchez e Feijóo converten Doñana en campo de batalla electoral
Os dous coincidiron este xoves en Huelva en plena polémica pola proposta da Junta de Andalucía recualificar terreos en Doñana para que pasen a ser de regadío
Europa advirte de que a medida podería ir contra as normas medioambientais e di que estará vixiante
O Goberno ameaza á Junta con levar a medida ao Tribunal Constitucional
Pedro Sánchez e Núñez Feijóo converten Doñana nun campo de batalla de cara ao 28-M. Os dous coincidiron en Huelva en pleno debate pola auga dos regantes. Un debate que hai dez días nin existía; e que agora vai camiño de converterse nun dos temas centrais da campaña.
O debate acendeuse pola promesa do presidente Moreno Bonilla de regularizar un milleiro de leiras como solo de regadío. Pedro Sánchez di que a proposta do PP e Vox no Parlamento andaluz é contraria á lexislación europea e pídelle "que a retiren porque se trata dunha postura soberbia que vai ter un custe económico importante pero un custe medioambiental inasumible".
O presidente do Goberno sostén que non "hai non hai razón que lexitime a un goberno para pór nun punto de non retorno un patrimonio único coma Doñana". O Goberno ameaza. De aprobarse a lei, xa anuncia que iría directamente ao Tribunal Constitucional.
O presidente andaluz acusa a Moncloa de difundir mentiras para sacar vantaxe electoral. Juanma Moreno cre que toda esta polémica se debe "á desesperación electoral dos socialistas en Andalucía, que seguen sen asumir que o PP sexa a forza máis votada despois de 40 anos". As acusacións do Goberno e do PSOE non se sosteñen porque "a lei non permitirá pozos ilegais nin se porá en risco Doñana", asegura o barón andaluz.
O presidente do Partido Popular apoia o plan de Moreno Bonilla. Feijóo critica a incapacidade de Pedro Sánchez para negociar coa Junta de Andalucía un proxecto sobre o futuro da reserva natural. O líder do PP lémbralle que "Doñana deféndese executando infraestruturas e non viaxando ata aquí en Falcón". O PP comprométese a executar por declaración de emerxencia todas as obras comprometidas con Huelva e preservar Doñana de calquera ataque".
O debate xa está en Bruxelas. A Comisión Europea advirte, de novo, que o plan pode ser contrario á lexislación medioambiental europea e que fará todo o posible para que se cumpra a lei.