Sanidade confirma o terceiro caso de varíola do mono en Galicia
Sanidade confirma o terceiro caso de varíola do mono en Galicia
É o segundo na área sanitaria da Coruña. Na de Vigo hai outro
Os tres pacientes están en bo estado
A Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia confirmou este martes un terceiro caso da patoloxía coñecida como varíola do mono, que supón o segundo na área sanitaria da Coruña, mentres que na de Vigo hai un.
O conselleiro de Sanidade, Xulio García Comesaña puntualizou, que como nos anteriores, o paciente "está en bo estado, leve, como os outros dous, sen ningunha complicación médica máis que as derivadas das medidas de illamento", engadiu, "tanto do caso confirmado como nos contactos".
Pídenlle prevencións lóxicas
O titular de Sanidade puntualizou que tamén neste caso se aplicou o protocolo do Ministerio de Sanidade, que recomenda medidas de "prevención lóxicas", como "estar na casa, interaccionar o menos posible cos seus convivientes e usar máscara todo o tempo". A iso súmase "ter coidado cos utensilios que utiliza e coa roupa", abundou o conselleiro.
"Se teñen algún tipo de complicación deben poñerse en contacto co 061 ou o seu médico para facer un seguimento específico", destacou.
Preguntado sobre aspectos concretos do protocolo, o titular de Sanidade confirmou que se recomenda, tamén, tanto "aos casos confirmados como aos contactos que durante 21 días non manteñan actos de actividade sexual", xa que os contaxios "teñen que ver coa interacción e esta especialmente".
"Fálase de 21 días. É o tempo que pedimos que se manteñan estas condicións", explicou en relación ao protocolo fixado polas autoridades sanitarias en relación á varíola do mono. Así, insistiu en que os casos e contactos deben "tentar reducir o contacto próximo".