Publicador de contidos
Publicador de contidos

Santiago acolle en xullo unha mostra internacional sobre a cultura viquinga

Santiago acolle en xullo unha mostra internacional sobre a cultura viquinga

A exposición incluirá máis dun cento de pezas cedidas por varios países

Poderá verse no Gaiás ata xaneiro de 2025

Romaría viquinga de Catoira Romaría viquinga de Catoira
G24.gal 30/01/2024 19:45

A Cidade da Cultura albergará o próximo xullo unha exposición internacional sobre a cultura viquinga, que contará con máis dun centenar de pezas cedidas de museos de historia e arqueoloxía de países como Suecia, Dinamarca e Francia.

A mostra permitirá ver por primeira vez en España pezas arqueolóxicas do Museo Nacional de Historia de Suecia, do Museo Nacional de Dinamarca e do Museo Arqueolóxico Nacional de Francia.

Con estas tres institucións, ademais de co Museo Arqueolóxico Nacional (MAN), a Xunta asinou un convenio que permitirá que o Gaiás expoña, do próximo mes de xullo a xaneiro de 2025, unhas 120 pezas que profundarán na cultura nórdica durante a Idade Viquinga, é dicir, desde a segunda metade do século VIII ata a segunda metade do século XI.

Baixo o nome de "Unha vida viquinga", a exposición pretende ir máis aló dos prexuízos e estereotipos da cultura popular sobre esta civilización, abordando cuestións como a presenza das mulleres en campañas militares, os intercambios culturais, as viaxes exploratorias ou os asentamentos, relacións comerciais e a vida familiar.

Da mostra é comisaria Irene García Losquiño, investigadora de referencia neste campo e doutora en Estudos Escandinavos pola Universidade de Aberdeen (Escocia).

"Neste proxecto queremos innovar contando unha versión do mundo viquingo que se afasta verdadeiramente desas imaxes estereotípicas dos viquingos que vimos nas grandes pantallas. Propoñemos unha visión máis inclusiva, que destaca e salienta as relacións interculturais entre esta civilización coas poboacións de distintos territorios, incluída Galicia", expresou García Losquiño durante a presentación da exposición este martes na Cidade da Cultura de Santiago.

Deste xeito, o relato da mostra estruturarase ao redor da vida dunha persoa na idade viquinga: desde o seu nacemento, infancia, mocidade e madurez, ata despois da súa morte, permitindo tamén ao público coñecer esta civilización de maneira "humana", pero sen esquecer o compoñente mitolóxico.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade