Sanxenxo celebra o Aninovo desde o mediodía
Sanxenxo celebra o Aninovo desde o mediodía
Nenos e maiores comeron lametadas ou lacasitos coas badaladas
Queiman almanaques do 2021 a modo de "meigas fóra"
A asociación cultural O Cubreiro animou os veciños de Sanxenxo a celebrar as badaladas a media maña comendo as uvas, lambetadas ou lacasitos, e a convocatoria tivo éxito. Ducias de persoas acudiron á praza Pascual Veiga para darlle a benvida, con doce horas de adianto, a 2022.
É o quinto ano que nesta localidade pontevedresa empezan a celebrar o Aninovo ás doce do mediodìa.
"A xente responde, ás veces vén á última hora pero responde. Hai un cuarto de hora non había xente e en cinco minutos isto énchese", explicou Juan Pintos, da asociación O Cubreiro.
"Home, por favor, despois do ano que levamos, hai que despedilo ao grande e ben". "Como á noite non podemos estar tan xuntos e agora coa pandemia é máis complicado, pois facémolo desde a mañá, que é máis divertido e con toda a vila". "E polo menos dannos un pouco de ledicia nos tempos que corren", dixeron algúns dos asistentes.
Comeron larpeiradas ao son das badaladas, e o ambiente non podía ser máis festivo.
Tamén queimaron calendarios deste ano 2021 para afastar o coronavirus e os malos momentos, e desexar cousas boas para 2022.
"Digamos que é un meigas fóra. Un meigas fóra para que a xente se libere da tensión acumulada en todo este tempo", engade Pintos.
"Que a pandemia se porte mellor con todos nós e que poidamos levar unha vida un pouco máis tranquila e máis sociable", sinalou unha muller.
O fin de festa estaba convocado para ás oito da tarde con luminarias.