Tráfico ponse en alerta para despedir o ano nas estradas
Tráfico ponse en alerta para despedir o ano nas estradas
A DXT prevé 4.500.000 desprazamentos de longo percorrido nas estradas españolas entre este venres e o luns á noite
Desde que se iniciou a operación especial de tráfico polo Nadal o pasado 22 de decembro, oito persoas morreron nas estradas galegas, do total de 18 que o fixeron na rede española
A Dirección Xeral de Tráfico prevé 4.520.000 desprazamentos de longo percorrido en toda España durante a segunda fase da operación saída de Nadal 2023, un dispositivo que comeza este venres ás 15:00 horas e vaise prolongar ata as 23:59 horas do luns 1 de xaneiro de 2024.
A todos estes movementos vanse sumar os que se realicen nas zonas de destino durante os días festivos e os daqueles que non se desprazan para pasar estes días pero si realizan pequenos percorridos para acudir a celebracións.
O obxectivo deste dispositivo especial de Tráfico "é velar pola seguridade dos usuarios da vía". Segundas residencias, zonas de montaña para a práctica de deportes de inverno, zonas de atracción turística invernal e do Nadal, así como a áreas comerciais, son algúns destinos elixidos para descansar.
As horas máis desfavorables para viaxar concentraranse entre as 18:00 e as 21:00 do venres 29 e as 10:00 e as 13:00 horas do sábado 30 en sentido saída dos grandes núcleos urbanos e en sentido entrada entre as 19:00 e as 21:00 horas do luns 1 de xaneiro.
Para que eses desprazamentos se realicen da forma máis ordenada, fluída e segura posible, Tráfico previu entre outras medidas de regulación e ordenación, a instalación de carrís reversibles e adicionais con conos nas horas de maior afluencia circulatoria e o establecemento de itinerarios alternativos.
Así mesmo, paralizaranse as obras nas estradas, limitarase a celebración de probas deportivas e outros eventos que supoñan a ocupación da calzada e restrinxirase a circulación de camións en xeral e aos que transportan determinadas mercadorías en certos tramos, datas e horas.
"Chegar tarde é mellor que non chegar"
Tráfico lembra o lema da campaña do Nadal deste ano: "Chegar tarde é mellor que non chegar", para volver apelar á responsabilidade dos condutores para evitar accións que poidan provocar un sinistro de letais consecuencias.
Desde que comezou o período do Nadal, o pasado 22 de decembro, 18 persoas faleceron en sinistros de tráfico, das cales 8 foron en estradas de Galicia.
A DXT volve insistir nestas mensaxes:
-Non poñerse ao volante se se inxeriron bebidas alcohólicas e, por suposto, non deixar conducir a ninguén que o fixera.
-Máxima precaución nos traxectos curtos e nocturnos, aínda que sexan coñecidos.
-Prestar atención á circulación no inverno, informándose das condicións meteorolóxicas e levar os elementos imprescindibles para circular se estas fosen adversas.
-Planificar a viaxe con antelación e informarse sobre calquera incidencia na estrada a través dos boletíns informativos de tráfico nas distintas emisoras de radio e televisión, na web www.dgt.es e nas súas redes sociais, e no teléfono 011.