Publicador de contidos
Publicador de contidos

Deteñen un narco en Sanxenxo fuxido desde 2016 vinculado ao alixo do Ratonero

Deteñen un narco en Sanxenxo fuxido desde 2016 vinculado ao alixo do Ratonero

O arrestado, veciño do Grove, de 59 anos, fuxira logo de ser condenado a 10 anos de cárcere tras un operativo policial en que se incautaron 2.200 quilos de cocaína a bordo dun pesqueiro

Descarga da cocaína comisada no Ratonero Descarga da cocaína comisada no Ratonero
EP 23/10/2024 10:30 Última actualización 23/10/2024 11:00

A Garda Civil detivo en Sanxenxo un coñecido narcotraficante veciño do Grove sobre o que pesaba unha orde de detención xudicial desde o ano 2016, pola súa vinculación co alixo do buque Ratonero.

A investigación iniciouse o pasado mes de abril, ao ter a sospeita de que esta persoa puidese residir nun domicilio da súa contorna familiar, na comarca do Salnés. Permanecía fuxido desde 2016, cando foi condenado por ese caso.

Entre outros datos, os axentes tiveron coñecemento de que o home podería acudir a un centro médico psicotécnico da provincia de Lugo para renovar o seu carné de conducir.

Os axentes manexaban información sobre a posibilidade de que alterase o seu aspecto físico, ao mesmo tempo que se facía chamar por outro nome.

O 15 de outubro, nunha das vixilancias establecidas, os axentes observaron unha persoa compatible co buscado que descendía dun autobús na localidade de Vilalonga, onde era recollido por un vehículo conducido por unha persoa que resultou ser un familiar. No momento da interceptación do vehículo, abandónao fuxindo a pé, pero finalmente acaba detido.

Unha vez confirmada a súa identidade mediante a proba biométrica de verificación das súas impresións dixitais, este resulta ser un veciño do Grove, de 59 anos, relacionado coa operación Marine levada a cabo polo EDOA da Comandancia de Pontevedra no ano 2012, na que se interceptou o pesqueiro Ratonero, que transportaba 2.200 quilos de cocaína. En 2016, antes de fuxir, fora condenado a 10 anos de prisión.

O detido foi posto á disposición do titular do Xulgado de Instrución número dous de Cambados, quen decretou o seu ingreso en prisión.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade