Publicador de contidos
Publicador de contidos

Segue a busca da droga que se sospeita que hai no interior dun mercante atracado en Vigo

Segue a busca da droga que se sospeita que hai no interior dun mercante atracado en Vigo

O buque, con bandeira das Bahamas e tripulación rusa, procedía de Ecuador e foi abordado en mar aberto e conducido pola Armada e Garda Civil ao porto vigués

G24.gal 22/01/2025 10:53

A Garda Civil continúa este mércores o rexistro do portacontedores Baltic Summer, que foi abordado en alta mar e atracou na tarde deste pasado martes en Vigo ante a sospeita de que transporte un cargamento de droga.

Con bandeira de Bahamas e xestionado por unha navieira alemá, o barco facía a ruta Ecuador-San Petesburgo, en Rusia, pasando pola Canle de Panamá. O seu capitán é de nacionalidade rusa e a maioría da súa tripulación tamén é rusa ou bielorrusa.

O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, explicou nun comunicado que o Baltic Summer chegou escoltado pola Garda Civil e a Armada, tras ser abordado en alta mar.

Este mércores será rexistrado pola sospeita da existencia dun cargamento de drogas no seu interior, nunha operación liderada pola Unidade Central Operativa (UCO) da Benemérita.

Por iso, Losada pediu "paciencia" e "prudencia" para non interferir na investigación, co obxectivo de que se consigan os resultados esperados. Tamén destacou a "loita" contra o narcotráfico das forzas e corpos de seguridade.

Todo isto despois de que nas últimas datas detivesen nove persoas pola súa presunta vinculación cos máis de mil quilos de cocaína intervidos nun contedor que viaxaba no barco Cape Citius, de bandeira chipriota e procedente tamén de Ecuador.

A principios de decembro, foron localizados tamén nun contedor dun barco que chegou ao porto de Vigo, o Izmit Express, outros 500 quilos de cocaína, que se sumaron a outros 23 quilos localizados polo propio capitán nas adegas do navío un par de semanas antes. O barco procedía de Cartaxena de Indias, en Colombia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade