Publicador de contidos
Publicador de contidos

Un mozo camiña por Lugo empuñando un coitelo de grandes dimensións e gritando que quería matar alguén

Un mozo camiña por Lugo empuñando un coitelo de grandes dimensións e gritando que quería matar alguén

Os feitos foron gravados por un veciño que, posteriormente, alertou a policía

G24.gal 22/01/2025 10:30 Última actualización 22/01/2025 14:30

Un mozo chamou a atención de varios viandantes e veciños de Lugo ao protagonizar, esta madrugada, un altercado na vía pública cun coitelo de grandes dimensións e berrando que quería matar a alguén.

Ía acompañado por un amigo e os feitos foron gravados por un veciño na zona da Muralla de Lugo, á altura da confluencia coa Avenida da Coruña, onde os protagonistas se detiveron, aparentemente afectados polo alcol ou por algunha substancia estupefaciente, xa que en varias ocasións se ve como o mozo cae ao chan e o amigo lle axuda a levantarse.

A situación xa non sorprende aos veciños, que se queixan de que as pelexas en diversos puntos da cidade son unha constante.

"Unha vergoña que pase isto en Lugo, eu escapei dunha cidade grande coma Barcelona e agora aquí tamén andamos con isto".

"O panorama está mal, eu vivo na Milagrosa e agora iso é un desastre".

O ruído da liorta espertou os veciños, que ademais de deixar testemuño da situación alertaron a policía. Pero os protagonistas do vídeo marcharon do lugar e non se rexistraron detencións, e un dos coitelos que portaban mesmo quedou tirado na zona axardinada do monumento romano. Os veciños quéixanse da falta de seguridade e piden máis vixilancia.

"Estamos con medo porque non hai seguridade ningunha".

Dende a asociación Lugo Monumental levan anos reclamando cámaras de vixilancia das que poder botar man en caso de incidentes.

"Instálanse cámaras de seguridade moi caras para multar aos condutores pero non para vixiar o patrimonio nin a seguridade das persoas", sinala Luis Latorre, presidente da Asociación Lugo Monumental.

Din que unhas cámaras de vixilancia de circuíto pechado axudarían ademais a disuadir este tipo de altercados.

Os dous berran, e o que vai armado ao parecer quere volver ao centro matar alguén, pero finalmente tira o coitelo á zona axardinada e segue o seu camiño despois de que o acompañante o convencera de que gardarse a arma e mudase de actitude.

O veciño que fixo a gravación esperou a que marchasen e baixou do seu domicilio para localizar o coitelo e avisar a policía, que acudiu ao lugar e abriu unha investigación.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade