Un condutor en Lugo case quintuplica a taxa de alcol permitida
Un condutor en Lugo case quintuplica a taxa de alcol permitida
Circulaba co vehículo en sentido contrario
A Policía Local instrúe dilixencias por un suposto delito contra a seguridade viaria
Unha patrulla do Corpo Nacional de Policía (CNP) sorprendeu un turismo cando circulaba en sentido contrario pola rúa García Abad, no centro de Lugo, segundo a información difundida pola Policía Local de Lugo.
Inmediatamente, os axentes déronlle o alto e solicitaron a presenza de efectivos da Unidade de Atestados da Policía Local. Foi sometido a un control de alcoholemia e deu unha taxa positiva case cinco veces superior á permitida pola lei, concretamente de 1,13 miligramos de alcol por litro de aire expirado. A Policía Local instrúe dilixencias por un suposto delito contra a seguridade viaria.
Por outra banda, durante a fin de semana a Policía Local despregou diversos controis de velocidade en distintos puntos da cidade. Foi controlado o paso de case un milleiro de vehículos e 132 condutores foron denunciados por superar a velocidade máxima establecida.
O radar da Policía Local chegou a captar a un condutor que circulaba a 104 quilómetros por hora na avenida Benigno Rivera, unha vía limitada a 50 quilómetros por hora.