Publicador de contidos
Publicador de contidos

Localizan un narcosubmarino na Costa da Morte

Localizan un narcosubmarino na Costa da Morte

A embarcación estaba sendo remolcada cara ao porto de Camariñas cando se afundiu parcialmente

A fabricación dun narcosubmarino non é complexa

(EFE/Cabalar)
G24.gal 22/01/2025 10:14 Última actualización 22/01/2025 14:19

Un narcosubmarino foi atopado na mañá deste mércores en augas de Muxía. A Garda Civil abriu unha investigación e a intención é inspeccionar a embarcación no porto de Camariñas. Segundo as primeiras estimacións tería entre uns 15 ou 20 metros de eslora, un tamaño similar a outros narcosubmarinos localizados anteriormente.

Polo momento descoñécese se había droga no interior do somerxible, que foi atopado coa escotilla aberta. Non obstante, fontes próximas á investigación aseguran que probablemente a embarcación foi abandonada unha vez se realizou a descarga.

Foi un pesqueiro de Laxe que surcaba esta zona da Costa da Morte, o 'María Cristina', o que atopou a embarcación e deu o aviso. Deseguido a Garda Civil fíxose cargo dela e iniciou as pescudas.

Imaxes do rescate da embarcación (Garda Civil)

No camiño cara a Muxía o somerxible afundiuse parcialmente. Era remolcado polo propio pesqueiro que deu o aviso, e cando se quixo realizar o cambio para que fose unha lancha de Salvamento Marítimo a que se encargase do seu transporte, a embarcación virouse e púxose de punta.

No transcurso das operacións de traslado, o narcosubmarino partiuse en dúas seccións: A proa, que permanece á boia, xa que posiblemente sexa onde se albergan os depósitos de combustible. A popa, que inclúe a sección do motor, afundiuse, debido ao seu maior peso.
A parte afundida non se atopa xunto á sección flotante, e estímase que podería estar a unha distancia de entre 100 e 200 metros.

A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, explicaba na mañé deste mércores que se están estudando que actuacións adoptar. "Están desprazados alí unidades da Garda Civil e do Grupo de Especialistas en Actividades Subacuáticas (GEAS) para tomar decisións sobre o que van facer en dous sentidos: por unha banda, asegurar o propio somerxible e, por outro, como inspeccionalo e como van abordar esa operación", especificou.

Rivas explicou que durante o traslado "hai un momento que rompen os cabos e afúndese a pouca profundidade" o que provocou que só unha parte do mesmo queda en superficie.

En concreto, só é visible unha pequena parte da proa dunha embarcación que, segundo fontes consultadas por Europa Press, quedou afundida a uns 300 metros do porto de Camariñas.

Este sería o terceiro semisomerxible destinado ao tráfico de drogas atopado en augas de Galicia. O primeiro deles foi localizado en Aldán en 2019 e o segundo na ría de Arousa en 2023.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade