Un incendio calcina parte do tellado dunha casa en Moaña sen causar danos persoais
Un incendio calcina parte do tellado dunha casa en Moaña sen causar danos persoais
Cando se iniciou o lume só estaba unha muller na casa, que puido saír, e ela mesma alertou os servizos de emerxencias ao ver as lapas
Un incendio afectou boa parte dunha casa unifamiliar no barrio do Casal, en Moaña. Non houbo que lamentar danos persoais, porén as lapas desfixeron o tellado e deixaron danados tres cuartos da casa.
Cando se iniciou o lume, pasadas as dez da noite, só estaba unha muller na casa, que puido saír, e ela mesma alertou os servizos de emerxencias ao ver as lapas.
Á chegada dos bombeiros, o lume xa se espallara por boa parte do tellado, o que complicou os traballos de extinción. Segundo os primeiros datos, todo apunta a que incendio se orixinou por un problema no tiro da cheminea de leña, que prendeu no teito de madeira e de aí pasou ao tellado, que acabou practicamente calcinado.
O estado en que quedou a cuberta do inmoble impediu que a muller, duns corenta anos, pernoitase na vivenda, polo que tivo que ir pasar a noite na casa duns familiares.
Os bombeiros temían que o lume se puidese reavivar durante a noite, pero a choiva evitou que volvese prender.