Avanza a montaxe do Son do Camiño, mentres segue na UCI un dos operarios feridos
Avanza a montaxe do Son do Camiño, mentres segue na UCI un dos operarios feridos
A colocación do novo escenario avanza a toda velocidade, co tempo xusto de cara ao xoves
No monte do Gozo, o tránsito de camións e operarios é constante. Arredor de 300 persoas traballan arreo e a contra o reloxo na instalación do novo escenario, que ten que estar listo para o xoves, cando comeza o festival.
Unha vez retirada a estrutura anterior e á espera das conclusións definitivas tras as investigacións do accidente xa está en marcha a posta a punto dese novo escenario que vai ser similar ao anterior, quizais un pouco máis pequeno.
Mentres continúan os traballos no recinto, un dos feridos no accidente laboral ocorrido o pasado venres tras a caída de parte do escenario principal do festival O Son do Camiño permanece estable dentro da gravidade ingresado na UCI do hospital de Santiago.
Os outros dous seguen en planta. O máis grave, o que caeu dunha altura de 20 metros, sen cambio respecto ao último parte facilitado, os outros dous evolucionan favorablemente.
A organización non comunicou aínda ningunha novidade, mentres os traballos continúan a toda velocidade para chegar a tempo á data prevista. O festival segue adiante e o novo escenario xa vai avanzando na súa colocación.
O Son do Camiño comezará o xoves 16 tras dous anos de ausencia pola pandemia e a derruba do escenario en que actuaron os Rolling Stones en Madrid non impedirá que outro o substitúa en tempo.
O cartel contará con 47 artistas nacionais e internacionais, entre eles Liam Gallagher, Dani Martín, C Tangana ou os Chemical Brothers.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda desexoulle unha recuperación rápida aos feridos. Ademais, confiou en que o maior festival do verán en Galicia se celebre sen máis contratempos que eses cambios que hai que facer no escenario.