Ames mantén o funcionamento dos comedores con supervisión de Sanidade tras o gromo de gastroenterite
Ames mantén o funcionamento dos comedores con supervisión de Sanidade tras o gromo de gastroenterite
Ames mantén o funcionamento dos comedores con supervisión de Sanidade tras o gromo de gastroenterite
Están analizando tanto o menú escolar como as mostras tomadas os afectados e a finais de semana contan poder determinar se foi por un virus ou por intoxicación alimentaria
A actividade escolar, incluída a do comedor, funcionou con total normalidade este luns
O Concello de Ames manterá o "normal funcionamento" dos servizos de conciliación municipal, concretamente os comedores escolares, baixo a supervisión da Consellería de Sanidade despois do gromo de gastroenterite dos últimos días con arredor dun centenar de afectados e do cal aínda se investiga a orixe.
Así se acordou nunha reunión celebrada este luns entre o goberno local e responsables da Consellería, que espera ter nos próximos días os resultados das análises das mostras de alimentos do comedor e dos coprocultivos, análises das feces dos pacientes. Estes resultados servirán para determinar a causa deste gromo con epicentro no CEP de Ventín, aínda que tamén afectou ao CEIP Agro do Muíño.
Tras este encontro, o alcalde de Ames, o socialista Blas García, compareceu en rolda de prensa para confirmar o normal funcionamento deste servizo, que é municipal, e agradecer á Administración autonómica e ao conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, por poñerse ao dispor do Concello "desde o primeiro momento".
Ademais, o rexedor destacou a importancia dos protocolos dos comedores e a "profesionalidade" dos traballadores dos mesmos, o cal fai posible prestar este servizo a uns 1.500 usuarios: "Estamos moi orgullosos do noso persoal, da súa profesionalidade e do servizo que prestamos".
Así mesmo, Blas García agradeceu a colaboración das ANPA, das direccións dos centros e do resto da comunidade educativa, cos que mantivo un contacto "permanente" para informarlles do ocorrido no menor tempo posible. "A nosa prioridade foi a de comunicar no menor espazo de tempo posible e da forma máis transparente calquera novidade sobre o desenvolvemento deste brote", recalcou.
Os primeiros casos de gastroenterite comezaron a detectarse á última hora do xoves pasado entre os alumnos do colexio de primaria de Ventín, que empezaron a notar vómitos e diarrea. O seguimento realizado durante a fin de semana polo Concello, Sanidade e o Servizo de Epidemioloxía detectou un total de 126 casos.
Ningún foi grave nin requiriu ingreso hospitalario, e todos están relacionados co mesmo centro, segundo informou Blas García Piñeiro, o alcalde de Ames, a primeira hora da tarde do luns, despois dunha xuntanza da comisión de seguimento.
De acordo cos informes dos inspectores de Saúde Pública, este luns a actividade escolar e o servizo de comedor xa funcionaron con normalidade, aínda que se segue investigando cal foi a causa do gromo.
Non se pode dicir de que ven, se foi por unha intoxicación alimenticia ou por algún virus, explicou.
Estanse analizando tanto as mostras do menú escolar coma os cultivos relacionados coas persoas afectadas. A finais de semana contan dispor dos resultados. Mentres tanto recomendan extremar a hixiene e que os escolares con síntomas non vaian á clase.