Publicador de contidos
Publicador de contidos

Segunda noite de protestas en Cuba polo apagamento xeral e o bloqueo da rede

Segunda noite de protestas en Cuba polo apagamento xeral e o bloqueo da rede

Cortes de tráfico, sentadas e cazoladas pola falla de electricidade tras o paso do furacán Ian

G24.gal 01/10/2022 11:36 Última actualización 01/10/2022 14:18

Centos de persoas participaron en varias protestas espontáneas en distintos barrios da Habana no terceiro día consecutivo de apagamento xeral polo paso do furacán Ian. Segundo alertan plataformas especializadas, tamén se produciu un bloqueo case total da Internet.

Unha das protestas rexistrouse a primeira hora da noite no distrito de Praia. Ata o lugar chegaron pouco despois efectivos policiais e catro autobuses con persoas vestidas de civil que empezaron a proferir consignas a prol da revolución.

Segundo vídeos e testemuños en redes sociais, tamén houbo cortes de tráfico, sentadas ou cazoladas en Holguín, Matanzas e noutros municipios da Habana como Boyeros, Habana do Leste, Marianao e Cerro.

As protestas comezaron o xoves, especialmente na Habana, polo descontento social que está a provocar a falla de corrente eléctrica na maioría do país.

Bloqueo da Internet

Ademais, a plataforma Netblocks volveu denunciar, como xa fixera o xoves, o colapso case total do tráfico da Internet desde Cuba, algo que achaca a unha decisión do Goberno do país.

"Confirmado: Datos de rede a tempo real mostran que Internet foi cortada en Cuba por segunda noite consecutiva", escribía a plataforma en Twitter.

Tras o primeiro bloqueo da Internet varias activistas argumentaron que o corte buscaba silenciar as protestas. O Goberno non ofreceu explicacións por esta anomalía e os medios oficiais non a recolleron.

Apagamento xeral

O furacán Ian cruzou o martes o extremo occidental de Cuba de sur a norte, con intensas choivas e ventos de ata 200 quilómetros por hora, deixando polo momento tres mortos e cuantiosos danos materiais.

Por cuestións polo momento non totalmente aclaradas, o paso do furacán xerou un desequilibrio no sistema eléctrico nacional que acabou provocando un momento de "cero xeración" eléctrica, un apagamento total en todo o país. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade