Seis anos de cadea para o acusado do triplo atropelo mortal de Salceda
Seis anos de cadea para o acusado do triplo atropelo mortal de Salceda
No sinistro morreu unha muller de 39 anos e dous fillos de 13 e 6 anos de idade
A familia está de acordo coa argumentación da sentenza pero non coa pena imposta
Valoran interpoñer un recurso como acusación particular para loitar por unha condena de nove anos de prisión
A Audiencia Provincial de Pontevedra acaba de condenar o acusado do accidente de tráfico mortal de Salceda a seis anos de cadea. A sentenza impútalle un delito de condución baixo influencia de drogas e tres delitos de imprudencia grave pola morte de tres persoas, dúas delas menores de idade.
Ademais da pena de seis anos de cárcere, tamén lle impón a retirada do permiso de conducir para vehículos a motor ou ciclomotores durante nove anos, e inhabilitación do sufraxio pasivo durante o tempo que dure a condena.
O accidente aconteceu en marzo de 2021, cando a muller e dous dos seus fillos atopáronse cun coche que invadía o seu carril con exceso de velocidade, e que daría 2,49 de alcol en sangue, cinco veces máis do permitido.
Os rapaces tiñan 13 e 6 anos de idade e a nai 39, un auténtico drama coa perda de tres membros dunha mesma familia.
Precisamente os familiares das vítimas din estar de acordo coa argumentación da sentenza, pero non coa pena de prisión imposta, que pedían como acusación particular que fose de nove anos.
A vindeira semana a familia xuntarase cos seus avogados para valorar a posibilidade de interpoñer un recurso, porque en España hai sentenzas condenatorias con penas superiores aos 10 anos por accidentes similares e con menos vítimas.