Seis anos de conflito veciñal e máis dunha ducia de denuncias nunha aldea da Peroxa
Seis anos de conflito veciñal e máis dunha ducia de denuncias nunha aldea da Peroxa
Os veciños da aldea do Mato denuncian que o veciño que os acosaba rompeu a orde de afastamento
Dous veciños teñen pendente de xuízo seis denuncias contra o home conflitivo
Din que a vida era "un verdadeiro inferno"e que "realmente non se podía vivir"
O pesadelo dos habitantes dunha aldea do concello ourensán da Peroxa semella non ter fin. Denunciaron en múltiples ocasións un veciño conflitivo e mesmo conseguiron ordes de afastamento, pero nin sequera iso acabou coas ameazas e o vandalismo do acusado.
Un auténtico inferno din que viviron aquí varios dos veciños desta aldea do Mato, no concello ourensán da Peroxa, cun veciño que os acosaba e que lles facía todo tipo de actos vandálicos, ademais de insultos e ameazas.
Un dos veciños conseguiu nos xulgados unha orde de afastamento contra el, que tamén incumpriu, e agora está pendente dun novo xuízo. Ademais, outra das veciñas que sufriu o acoso ten pendente aínda de celebrarse os xuízos no xulgado cinco denuncias contra este veciño.
"Saíu a orde de afastamento que non se podía achegar a menos de 500 metros da casa e de min, pero el seguía vindo igual e veu a Garda Civil e dixéronme que non podían facer nada", conta Constantino García, veciño do Mato.
"Realmente non se podía vivir", di Ana Vázquez, veciña do Mato, que ten cinco denuncias contra o veciño que a acosaba.
Constantino e Ana, veciños do Mato, no concello da Peroxa, teñen pendentes de resolver no xulgado, polo menos, seis denuncias contra o veciño que os acosaba.
Sufrían cortes de luz e de auga e tamén lle desfixo o coche a outro veciño.
"Había veces que viña a Garda Civil do Carballiño ata catro veces na tarde", asegura Constantino García.
Ademais das forzas de seguridade e á xustiza tamén pediran axuda hai oito meses á Televisión de Galicia.
Despois de seis anos de conflito, Ana di que estes feitos prexudicaron a súa saúde mental e a do seu fillo. Ela ten depresión severa e tivo que aumentar a medicación e o seu fillo tamén colleu unha depresión polo o acoso continuo que sufrían a súa nai e a súa avoa.
"Sen eles isto é outra cousa, pero con eles era un verdadeiro inferno", di ana Vázquez, veciña do Mato.