Seis equipos galegos buscan rival no bombo da segunda eliminatoria

A RFEF deulle a razón ao Arousa e, á falta do que diga apelación, é un dos tres conxuntos da Terceira Federación clasificados e tocaralle contra un rival de Primeira

Os tres equipos da 1.ª RFEF (Deportivo, Lugo e Arenteiro) teñen moitas posibilidades de xogar contra un de Segunda, entre os que está o Racing

G24.gal 14/11/2023 22:11

O Atzeneta valenciano, da Terceira Federación, deu unha das grandes sorpresas desta primeira eliminatoria da Copa do Rei e derrotou o Zaragoza, co cal completou o grupo de 56 equipos clasificados para a segunda eliminatoria. Iso, sempre e cando se manteña a decisión da RFEF que lle deu a razón ao Arousa na aliñación indebida do Granada, que sería o único equipo da Primeira eliminado. 

A falta da confirmación por parte de apelación, son seis os equipos galegos que estarán este mércores no bombo. O Celta (Primeira), o Racing (Segunda), o Arenteiro, o Deportivo, o Lugo (Primeira Federación) e o Arousa (Terceira Federación). 

O único que tería garantido un rival de Primeira División é o Arousa. Podería ser rival do Celta, que agarda por un equipo de 3.ª ou 2.ª RFEF (Barbastro, Valle de Egües, Astorga, Cayón, Zamora, Arandina, Yeclano, Orihuela, Terrassa, Tudelano, Andratx, Villanovense ou Atzeneta). Haberá un equipo de Primeira que xogue contra o grupo de 1.ª RFEF, co cal existe unha opción (remota) de ver un derbi con Deportivo, Arenteiro ou Lugo. 

Os da 1.ª RFEF xogarán, ao 95 % de posibilidades, contra un equipo de Segunda, entre os que está o Racing de Ferrol. Son dez os equipos desta categoría e haberá nove emparellemantos 1.ª RFEF vs. Segunda. Os outros oito equipos da segunda categoría do fútbol español enfrontaranse entre eles, co cal hai un 50 % de posibilidades de que ao Racing lle toque un rival da súa mesma división. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar