Publicador de contidos
Publicador de contidos

Gaza vive a peor crise humanitaria da súa historia tras seis meses de guerra

Gaza vive a peor crise humanitaria da súa historia tras seis meses de guerra

Máis de 33.100 persoas morreron no enclave palestino; a gran maioría, mulleres e menores

Asasinaron medio milleiro de profesionais sanitarios e só 2 hospitais están operativos

A metade da Franxa, máis dun millón de persoas, está en risco de fame negra inminente

G24.gal 07/04/2024 09:59 Última actualización 07/04/2024 18:39

Malia a acusación de xenocidio contra Israel na Corte Internacional de Xustiza e a resolución do Consello de Seguridade da ONU demandando un alto o fogo "inmediato", a guerra que o Exército xudeu mantén en Gaza cumpre seis meses.

Esta crise bélica, humanitaria e sanitaria sen precedentes no enclave palestino, de 365 m² e 41 quilómetros de longo, deixa unhas cifras arrepiantes.

Dende o inicio da contenda morreron uns 600 soldados fronte a 33.100 gazatíes (máis de 9.000 mulleres e o 42 % menores), segundo datos do Ministerio de Sanidade, controlado por Hamas.

Ademais, hai 7.000 corpos baixo os entullos e máis de 75.800 persoas feridas na Franxa. Israel asegura que uns 13.000 mortos son milicianos, aínda que grupo islamita afirma que son a metade.

O Exército israelí atacou uns 32.000 obxectivos de Hamas, que lanzou uns 9.100 proxectís. Do lado israelí morreron 260 soldados na ofensiva e suman 604 incluídos os caídos no ataque de Hamás do 7 de outubro, que deixou unhas 1.200 persoas falecidas.

Israel cuestiona estas cifras, pero en guerras previas foron fidedignas e organismos como a ONU ou a Organización Mundial da Saúde (OMS) considéranas, mesmo, conservadoras.

Tamén morreron 95 profesionais dos medios, case todos palestinos, segundo datos do Comité para a Protección dos Xornalistas (CPJ), que o cualifica como o conflito "máis perigoso" para a prensa.

Más da metade de reféns seguen en Gaza

Das 253 persoas secuestradas por Hamas o 7 de outubro quedan uns 129 cativos, unha trintena dos cales xa estarían mortos, segundo a intelixencia israelí, aínda que os islamitas elevan a cifra a 70 "por bombardeos xudeus".

Outros catro reféns levan anos en Gaza, dous deles mortos. Israel e Hamas acordaron unha tregua dunha semana a finais de novembro, durante a que 105 reféns foron liberados por 240 prisioneiros palestinos.

Hamas liberara outros catro reféns en outubro e só tres foron rescatados polo Exército israelí nunha operación militar. Doce corpos de cativos foron recuperados, tres deles asasinados "por erro" por soldados israelís.

Preto de 500 traballadores médicos asasinados

A pesar de ser contrario ao dereito internacional humanitario, Israel atacou sistematicamente os hospitais baixo a premisa de que Hamas os utiliza como base.

En total, 484 traballadores médicos foron asasinados e 32 dos 36 hospitais do enclave están totalmente fóra de servizo, segundo o Ministerio de Sanidade gazatí; ademais doutros 53 centros médicos. Tras dúas semanas de asedio, o Hospital Shifa, o maior da Franxa, quedou o luns totalmente inoperativo.

O Exército israelí asegurou matar uns 200 supostos combatentes e arrestado a 513 "membros de Hamas ou da Yihad Islámica"; mentres que o Goberno de Hamás estima máis de 400 mortos.

Segundo a OMS, polo menos 21 pacientes morreron neste operativo.

Ao bordo da fame negra

Organizacións humanitarias e a ONU acusan a Israel de usar a fame como arma de guerra. Polo menos 31 persoas morreron de inanición, 27 delas menores por malnutrición e deshidratación, segundo a Organización das Nacións Unidas.

A metade da Franxa -máis dun millón de persoas- está en risco de fame negra inminente, máis de 677.000 sofren inseguridade alimentaria "catastrófica" e uns 28.180 menores padecen malnutrición, segundo un recente informe apoiado pola ONU.

Malia e todo, centos de camións seguen varados nos únicos dous pasos terrestres abertos por Israel. En marzo, 160 camións diarios entraron de media a Gaza, un reponte fronte a meses anteriores. Antes da guerra facíano medio milleiro ao día, di Nacións Unidas.

Israel impide a chegada de axuda en "inspeccións arbitrarias" e exhaustivas, onde poden requisar desde dátiles ata pastillas purificadoras e ordenar aos camións empezar o proceso de cero.

Ademais, Israel atacou de forma repetida puntos de repartición de axuda, e nesta guerra xa morreron 197 cooperantes, segundo a ONU, tres veces máis ca en Somalia ou Afganistán.

A situación empeorou tras o ataque con 7 mortos contra o convoi da World Central Kitchen, a ONG fundada polo chef español José Andrés, que decidiu suspender a repartición de alimentos.

O 87 % de poboación desprazada

Antes da guerra, na urbe sureña de Rafah vivían unhas 275.000 persoas, o que aumentou a 1,4 millóns tras un influxo masivo de familias desprazadas; amontoadas en tendas sen espazos privados ou hixiene.

De 2,3 millóns de gazatís, dous millóns están forzosamente desprazados, o 87 % da poboación. Unhas 360.000 vivendas quedaron destruídas ou inhabitables polos bombardeos, nos que Israel lanzou 70.000 toneladas de explosivos, segundo Hamas.

Entre as persoas desprazadas, máis dun millón sufriu enfermidades contaxiosas e 10.000 enfermos de cancro non reciben tratamento. Ademais, 230.000 doentes crónicos carecen de acceso a medicinas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade