Irán confirma a morte de Raisi ao esnafrarse o helicóptero en que viaxaba
Irán confirma a morte de Raisi ao esnafrarse o helicóptero en que viaxaba
O líder supremo iraní nomea a Mohamad Mojber presidente interino do país tras o accidente de helicóptero no que morreu Ebrahim Raisi
As autoridades decretan cinco días de loito e preparan para mañá as cerimonias fúnebres
Irán dá por morto o presidente Ebrahim Raisi en accidente de helicóptero. Un voceiro do Goberno confirmou á primeira hora deste luns que tanto Raisi coma o ministro de Exteriores faleceron tras a aterraxe forzosa que realizou onte o aparello nunha zona montañosa ao nordeste do país.
Nas últimas horas, os servizos de rescate localizaban o helicóptero totalmente calcinado e sen sinais de vida. De momento, non se informou das causas do accidente. Tampouco se confirmou cantas persoas ían a bordo.
“Non se observaron signos de que os seus tripulantes estivesen vivos”, indicou o xefe da Media Lúa Vermella Pir Hosein Kulivand na canle de Telegram da organización. Kulivand indicou que están a utilizar rastrexadores térmicos para tratar de localizar a tripulación da aeronave.
O líder supremo de Irán nomea vicepresidente interino e declara cinco días de loito
O líder supremo de Irán, Ali Jameneí, deu este luns o visto e prace a que o vicepresidente primeiro, Mohamad Mojber, sexa nomeado presidente interino do país e declarou cinco días de loito nacional pola morte de Ebrahim Raisí nun accidente de helicóptero.
“Segundo o artigo 131 da Constitución, o señor Mojber está na posición de dirixir o poder executivo e está obrigado a acordar cos xefes dos poderes lexislativo e xudicial a elección dun novo presidente nun prazo máximo de cincuenta días”, dixo Jameneí nun comunicado.
A máxima autoridade política iraniana anunciou ademais cinco días de loito pola morte de Raisí e o ministro iraniano de Exteriores, Hosein Amir Abdolahian, no accidente de helicóptero ocorrido no noroeste do país.
“Ofrezo as miñas condolencias ao querido pobo de Irán”, afirmou Jameneí. “O querido Raisí era incansable. Neste tráxico incidente, a nación iraniana perdeu a un servidor sincero e valioso”, dixo Jameneí acerca dun político que era percibido como un protexido seu e posible sucesor como líder supremo.
As autoridades anunciaron a celebración dunha cerimonia fúnebre en Tabriz para mañá martes, ademais de rezos hoxe mesmo en Teherán e outros puntos do país.
O gabinete iraniano asegura que non haberá "problemas" na xestión
O gabinete iraniano asegurou este luns que non haberá “problemas” na administración do país tras a morte do presidente de Irán Ebrahim Raisi nun accidente de helicóptero.
"Coa axuda de deus todopoderoso e do pobo, non haberá problemas na administración do país”, indicou o Gabinete nun comunicado na súa primeira reunión tras o anuncio da morte do mandatario.
“Aseguramos á nosa leal, agradecida e querida nación que o camiño cheo de honra e servizo continuará co espírito do incansable aiatolá Raisi, heroe e servidor da nación”, engadiu o comunicado.
O Gabinete cualificou a Raisi, de 63 anos, como un traballador incansable que “sacrificou a súa vida polo país”. Medios estatais como IRNA publicaron unha fotografía do asento de Raisi no Gabinete cunha foto do mandatario e un turbante negro, que era o que vestía como descendente do profeta Mahoma.
No accidente tamén faleceron o ministro iraniano de Exteriores Hosein Amir Abdolahian, o gobernador de Acerbaixán Oriental Malik Rahmati e o líder dos rezos dos venres da cidade de Tabriz Mohammad-Ali Al-Hashem, ademais dun número indeterminado de membros da tripulación.
O Gabinete estivo presidido polo vicepresidente primeiro de Irán Mohamad Mokhber, quen asumirá a presidencia segundo a Constitución iraniana. Mokhber ten 68 anos e chegou á vicepresidencia con Raisi en 2021, antes ocupou postos como a dirección do poderoso conglomerado Execución da Orde do Imán Khomeini (EIKO, en inglés), polo cal está sancionado polos Estados Unidos desde 2021.